Vigo contará cunha factoría de innovación para impulsar a nosa competitividade

xoves, 1 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A sinatura do convenio tivo lugar nas dependencias da Zona Franca en Bouzas

A Universidade de Vigo e a Zona Franca veñen de selar unha alianza para acadar un contorno investigador e empresarial onde a innovación abrolle e se intercambie do xeito máis doado e fluído posíbel. A idea última deste acordo, segundo fixeron os propios responsábeis das dúas entidades durante a sinatura do mesmo, é traballar a prol da nosa produtividade e competitividade, e todo a través do espírito innovador, idea que se basea no seguinte dato: as empresas que crean e se modernizan son até un 16% máis rendíbeis que as que non o fan.
O convenio, asinado por Salustiano Mato (reitor da Universidade) e María Teresa Pisano (delegada do Estado), servirá pois para atender ás necesidades das empresas e emprendedores que queiran converter as súas ideas en valor económico. Para isto, poranse en marcha unha serie de servizos igualmente innovadores que permitan a aplicación práctica da fórmula anticrise por excelencia: a innovación.
O primeiro proxecto concreto a desenvolver, informaron, será un acordo que se asinará proximamente coa Escola de Organización Industrial (EOI) do Ministerio de Industria que facilitará a creación en Vigo dunha factoría de innovación proposta como un centro de excelencia na xestión da innovación e dirixida a axudar ás empresas neste ámbito. Ademais segundo fixo saber Pisano “pretendemos nun futuro a través do polo de innovación desenvolver un conxunto de servizos e infraestruturas que permitan facilitar á empresa a saída da crise pola vía da innovación”. Os grandes destinatarios destes proxectos serán os empresarios que desexen levar ás súas iniciativas de mercado a un novo chanzo de modernidade. Seguindo este fío, o reitor mencionou os casos do Campus do Mar, do que dixo “abrirá océanos azuis para as pemes” e tamén o do Vigo Tecnolóxico nos ámbitos da automoción, as TIC ou as enxeñarías espacial e biomédica.

PUBLICIDADE