Vigo, A Coruña, Santiago e Lugo celebrarán Pint of Science a semana que vén

venres, 19 de maio do 2023 S. P.

Este mes de maio vaise celebrar nunha manchea de cidades españolas a nova edición dun dos máis relevantes e particulares festivais de divulgación científica do panorama internacional: Pint of Science 2023, un evento que destaca non só polos seus contidos senón polo formato elixido para compartilos, a través de encontros informais e próximos entre as persoas investigadoras, por unha banda, e o público, pola outra. Celebrarase, enchéndoos de ciencia e experimentos, en diferentes establecementos hostaleiros os días 22, 23 e 24 de maio. Desenvolverase en 58 cidades españolas, incluídas Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago, situando España como o segundo país con máis participación do mundo.
En Vigo
Esta 8ª edición conta cun bar de Vigo que acollerá 6 charlas repartidas en 3 días, coa participación de 6 científicos e científicas como relatores (todos/as da Universidade de Vigo, dous pertencentes ao centro atlanTTic). É un evento totalmente gratuíto, e o programa completo, con enderezos de bares, temáticas e horarios, xa se pode consultar na web de Pint of Science. O festival en Vigo tratará temas de actualidade como a Intelixencia Artificial ou as tecnoloxías fotónicas. Nos diferentes eventos desta edición haberá experimentos, demostracións en vivo, actividades e premios. O bar no que se realizarán as charlas será o Bar Cañaveral (Porta do Sol, 6, Vigo).
Nesta edición participarán relatores e relatores de centros de investigación, universidades e entidades da comunidade científica como o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic; o Centro de Investigación Mariña, CIM, e o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, todos eles pertencentes á Universidade de Vigo (UVigo), ou a Universidade do Minho (Portugal). Entre os e as protagonistas: José Lorenzo Alonso Gómez coa súa charla ¿Moléculas quirales para H2 verde?, Paloma Morán Martínez con El viaje del salmón y cómo podemos protegerlo ou Felipe Gómez Cuba con Chocolate, Wi-Fi e buracos negros. O programa completo xa se pode consultar na web.
Na Coruña
Na Coruña serán dous bares da cidade os que contarán coas intervencións de 12 científicos e científicas, na súa maioría investigadores da UDC. Trátase do Bar Árnica, na rúa de Herrerías, 2, e La Olímpica Bar en Alfredo Vicenti, 39, os días mencionados a partir das 20 horas.
Os temas que tratarán nesta edición van dende a Intelixencia Artificial, a epixenética da transexualidade, as células artificiais ou os coches que funcionan con hidróxeno.
As xornadas distribuiranse do seguinte xeito:
O día 22 no Bar Árnica terán a quenda Roberto Brea, do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía), que falará de Células artificiais á carta: creando vida no laboratorio, e Verónica Bolón, do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e da Comunicación), que contará Por que aínda non lle debemos temer aos robots.
O mércores 23 será Socorro Castro, do CICA, quen explicará Como funciona un coche de hidróxeno e Ángel D. Arós Rodríguez, da UDC, sorprenderá a todos cunha exposición que leva por título “Todos os soles, á vez, en todas partes”.
Xa o día 24 Vicente Díaz Casás do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) achegaranos á Enerxía do Mar, a Eólica mariña e Rosa María Fernández García do CICA cuestionarase se Existe un xen da transexualidade, entre moitas outras sorpresas.
Pola súa banda La Olímpica Bar acollerá como sesións inaugurais o día 22 a Alicia L. Bruzos, do University College of London, que nos contará A viaxe submarina dunha célula de cancro, e a Manuel Herrador, do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil), cunha intervención que leva por título A miña casa é de plástico!
O martes 23 tocaralles a José Luis Pardo Vázquez, do CICA, que nos explicará Que pasa no cerebro cando se toma unha decisión?, e a Gloria González Fortes, do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parda Pondal, coa exposición Tal como éramos: un retrato xenético dos nosos antepasados.
Xa para rematar, o día 24 clausurarán o festival Jesica Asatryan, do CITENI, quen explicará a razón pola que Os fotóns son caros e Francisco Alonso Tajes, da UDC, coa charla Rafa Nadal e Usain Bolt: campións de pés de barro?
O evento é de carácter gratuíto, e o programa completo pode consultarse na web: https://pintofscience.es/events/coruna.
Científicos e científicas españolas enchen bares e cidades de ciencia
A edición 2023 do Festival de Divulgación Científica Pint of Science será a 8ª que acolla España. Durante a súa celebración, os bares das nosas cidades converten, durante eses tres días, en improvisados laboratorios que amosarán á clientela habitual e a tódalas persoas interesadas, os avances máis recentes da ciencia en España.
57 localidades repartidas por toda a xeografía darán a saída á edición 2023 o próximo luns 22 de maio, celebrándose de maneira simultánea máis de 500 charlas divididas en 300 eventos de entrada totalmente gratuíta. “Ver crecer esta iniciativa, vivir a experiencia nos bares, a transformación do público, e contar con grandes poñentes, fan grande a Pint of Science e a todo os que forman parte del”, afirma Ana Peña, responsábel de comunicación da edición, que engade que “pensamos que o principal interesado é o público xeral, pero os científicos son os primeiros aos que lles ilusiona a iniciativa e mostran interese en contar o seu traballo, sendo protagonistas de levar a ciencia á sociedade”. Nunha linguaxe comprensíbel e próxima, o persoal investigador máis punteiro do panorama nacional falará sobre proxectos das áreas máis variadas, de Neurociencia a Astrofísica, de Medicina a Historia, de Supercomputación a Matemáticas, de Economía a Zooloxía.
Pint of Science no mundo
Son 26 os países que este ano compoñen o gran equipo encargado de encher bares e locais coa investigación científica máis actual do planeta Terra. Os compañeiros australianos serán os primeiros en abrir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa correcta divulgación. Con eles e co resto de países anfitrións, comezará un maratón de 3 días de ciencia e bares.
Un ano máis, Pint of Science é unha realidade
Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido, cando dos investigadores: Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios co fin de mostrar a investigación que realizaban as persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. Eles mesmos comprobaron a gran repercusión que tivo neses pacientes, e así pensaron, si a xente vai á ciencia… por que non levar a ciencia ao lugar onde está a xente? Os bares. Pouco se imaxinaban que uns anos despois, este ben chamado festival, daría a volta ó mundo.
Ademais, PoS 2023 non sería posíbel sen a colaboración de organizacións que patrocinan o festival e que facilitan que sexa gratuíto como FMC Agricultural Solutions e Vadillo Asesores a nivel nacional.

PUBLICIDADE