Vigo aposta polas TIC para acadar unha e-accesibilidade universal

xoves, 9 de xuño do 2011 Raquel Noya

As II Xornadas de e-Accesibilidade, celebradas esta semana na Escola de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, chegaron onte á súa fin, logo de ter debatido e analizado no seu seo, todo o referente á promoción da autonomía persoal e aos avances tecnolóxicos que existen na actualidade, para mellorar a accesibilidade das persoas maiores ou que teñen algún tipo de dependencia, sensorial ou física.
A redactora do artigo para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), M. Del Río, non puido definir mellor o “gran” que se sacou desta “milleira” de información sobre e-Accesibilidade, ao indicar que, “falar de normalidade fronte á discapacidade distorsiona o discurso e disfraza a realidade; non existen persoas normais e persoas discapacitadas, existen persoas con necesidades diversas e tamén con capacidades diversas, persoas con diversidade funcional”. Del Río remata o seu discurso afirmando que o que se precisa para achegarnos dunha vez por todas a unha accesibilidade universal non son medidas especiais, senón unha filosofía que nos conduza a ela, “porque todos somos discapacitados en algunha faceta”, conclúe.
En efecto, ao longo dos tres días nos que se desenvolveu este evento, houbo tempo para levar a cabo todo tipo de actividades en torno á accesibilidade TIC, dende presentar avances tecnolóxicos que melloran a calidade de vida das persoas dependentes, ata presentar solucións que rompan as barreiras tecnolóxicas existentes, pasando por coñecer de primeira man as necesidades específicas das persoas que presentan algún tipo de problema visual, auditivo, espacial ou motriz.
Durante a xornada de clausura, celebrada este mércores, interviñeron, entre outros, a directora da EE de Telecomunicación, Edita de Lorenzo, e representantes de COGAMI, Cruz Vermella, a Fundación Vodafone, o Concello de Vigo ou TADEGA, que trataron de darlle resposta ás demandas achegadas polos colectivos máis afectados, e tamén de dar a coñecer algunhas das alternativas que ofrecen as TIC para procurar unha accesibilidade universal.
Dende logo, se hai algo que poida axudar a rachar coas barreiras de accesibilidade existentes, tanto a nivel físico como sensorial, iso son as TIC, que en palabras da directora da Escola, “poden axudar a aproveitar os talentos e as diferenzas sensoriais e físicas, facendo un mundo máis accesible”.
Teclados virtuais para persoas con discapacidade motora, sistemas de monitorización de medicamentos ou sistemas de TV interactiva para teleasistencia, son algunhas das ferramentas nas que está a traballar a Universidade de Vigo para difuminar estas diferencias, e agora tamén vai a colaborar co Concello para desenvolver un dispositivo de chamadas de emerxencia para persoas con problemas auditivos.

PUBLICIDADE