Vigo acolle este luns 19 unha xornada sobre 5G e conectividade intelixente

xoves, 15 de decembro do 2022 S. P.

O vindeiro luns 19 de decembro de 2022, o Observatorio Nacional 5G (iniciativa da fundación Mobile World Capital), en colaboración co Concello de Vigo, organiza a xornada Conectados 5G, unha cita onde profesionais do sector abordarán os principais retos e oportunidades da tecnoloxía 5G para Vigo. Trátase, en palabras da organización, “dun evento onde repensar, debater, analizar e buscar oportunidades para que as nosas cidades poidan converterse en urbes intelixentes, sustentábeis, conectadas e competitivas ao servizo da cidadanía, das empresas, das emprendedoras e emprendedores, das entidades e da sociedade en xeral”.
Participarán nesta xornada, entre outros especialistas nas ditas materias, Felipe Gil-Castiñeira e Francisco Javier Diaz Otero, investigadores do centro da UVigo AtlantTIC e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Felipe Gil-Castiñeira participará ás 10:30h na mesa redonda Vigo: innovación tecnolóxica no ecosistema 5G e Francisco Javier Diaz Otero ás 12:25h na mesa redonda 5G e o auxe de novos verticais: o impacto da nova conectividade para o emprendemento.
Podemos consultar o programa completo e realizar a inscrición na ligazón específica habilitada.

PUBLICIDADE