Vieiros anima á comunidade internauta a participar no seu certame de imaxes a prol do galego

luns, 18 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

A defensa polo galego, tan teoricamente ligada aos códigos que a propia lingua impón, pode ter feitura de fotografía dixital e conseguir os mesmos obxectivos. Ou mesmo ir máis alá. Disto, de procurar novos xeitos de coidar o noso e, asemade, máis maneiras de tirarlle partido a isto da comunicación colectiva é do que trata un concurso lanzado polo xornal en liña Vieiros que xa vai pola terceira edición e que consiste, basicamente, en animar ás lectoras e lectores a coller as súas respectivas cámaras e deixar “que o país fale con imaxes, paradas e en movemento, e que explique en que consiste a súa lingua”. A nova convocatoria do certame Unha imaxe para o galego, que chega á súa segunda semana de actividade, vén este ano co epígrafe O galego no espello. Polo que respecta á natureza dos premios en si mesmos, teñen moito de propios e, tamén, de ir asegurando o éxito de participación para vindeiras edicións: serán unha cámara fotográfica e outra de vídeo para os gañadores dos concursos de imaxe e vídeo, respectivamente.
Para participar, sinala Vieiros, téñense que achegar fotos (non deseños nin ilustracións) e aceptaranse tamén aquelas que recibiran tratamento dixital sobre unha base propia. Igual que outros anos, sinálase nas bases, recoméndase evitar tópicos recorrentes como retratos de persoeiros, bandeiras, libros, letras ou imaxes de xornais impresos. Polo que respecta ao vídeo, dicir que a súa limitación será de catro minutos máximo (sendo ideais as achegas de entre un e dous minutos) e que, tematicamente, o certame vai ser cen por cen libre sempre e cando non se inclúan contidos ofensivos para terceiras persoas.
O prazo para o envío de traballos está aberto até o 30 de xuño. As bases xa se poden consultar aquí.

PUBLICIDADE