Víctor Salgado recomenda extremar a preocupación ante a captación de datos de Threads

venres, 5 de xaneiro do 2024 S. P.

O experto en dereito dixital Víctor Salgado Seguín, do bufete coruñés Pintos & Salgado, vén de analizar a situación da nova rede social estreada en decembro, Threads. Ao seu xuízo, “non podemos esquecer que Meta está detrás e iso obríganos a extremar a precaución ante posibles abusos”. Salgado lembra escándalos como o de Cambridge Analytica ou a recente multa histórica a Facebook por parte da UE para “manternos cautos”.
Na súa análise Salgado pon o foco nas dúbidas que xeran dúas preguntas: como xestionan os nosos datos as grandes compañías tecnolóxicas e como se garanten contornas dixitais seguros para os usuarios? Atopar unha resposta para ambas as cuestións é unha das principais obsesións da Unión Europea, e a chegada de Threads este decembro pasado reforza aínda máis o seu interese por garantir a protección dos dereitos do cidadán medio. Aproveitando o lanzamento da nova plataforma en Europa, o bufete de avogados coruñés Pintos & Salgado vén de analizar o seu impacto e, sobre todo, o que poden esperar os usuarios en canto a protección e manexo dos seus datos.
Faino Víctor Salgado, especialista en dereito dixital e divulgador en ciberseguridade: “Debemos entender Threads como unha acción para que Meta teña a súa Twitter particular; quere recuperar o seu espírito, pero tamén substituílo, diversificando as súas ferramentas para a extracción de datos”. Para Salgado, é difícil pensar en Threads sen lembrar os escándalos de Meta relacionados coa recompilación ilegal de información. “É o mesmo modelo de negocio, a mesma finalidade que teñen Facebook e Instagram: captación masiva de datos para a súa suposta explotación comercial. Pero sabemos que poden ir máis aló e vendelos ou mesmo utilizalos internamente para fins que nin sequera imaxinamos”, expón o avogado coruñés, salientando conflitos como o de Cambridge Analytica, que incluíu procesos de propaganda política e terminou con Mark Zuckerberg testificando ante o Congreso dos Estados Unidos.
Desde Pintos & Salgado aluden de maneira directa aos precedentes nos que Meta vulnerou o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) da Unión Europea. O caso máis soado: a multa de 1.200 millóns de euros a Facebook por violar a política de protección de datos de Europa, “as maiores sancións que puxo a UE”, segundo a perspectiva de Víctor Salgado.
A interconexión con Instagram, outro factor de risco
Salgado tamén fai fincapé no inicio de Threads e a súa vinculación coa súa plataforma irmá, Instagram. Isto permite que os usuarios poidan trasladar toda a súa información e compartir contido facilmente dunha rede social a outra, pero tamén entraña perigos. “A integración é total, pero iso reduce a liberdade do usuario. Nin sequera hai unha política de privacidade específica para Threads; compártea con Instagram”, salientan desde o bufete. Precisamente nesa política de privacidade común detállase que, baixo consentimento previo, Meta pode utilizar información sensíbel como a orientación sexual, crenzas relixiosas, ideoloxías políticas ou orixe racial para mellorar os seus servizos. E aí está o eixo da súa política extractiva, a que Salgado expón como principal motivo para “manternos vixiantes” como usuarios, pero sobre todo a nivel institucional.

PUBLICIDADE