Victor Salgado: “A nova Lei de IA é un punto de inflexión para protexer os dereitos das persoas”

martes, 12 de decembro do 2023 S. P.

Desde Pintos & Salgado, bufete coruñés especializado no ámbito virtual, analizan o paso adiante dado pola Unión Europea en materia tecnolóxica coa recente aprobación do marco lega para a Intelixencia Artificial, un paso que o butefe galego cualifica de “histórico”. En palabras do avogado e experto en dereito TIC Víctor Salgado, esta primeira normativa permite “regular non tanto a tecnoloxía, senón os seus efectos sobre as persoas, os actuais e os futuros”.
“Un acordo político histórico”. Esas son as palabras que utiliza Víctor Salgado, avogado coruñés de Pintos & Salgado experto en dereito dixital e intelixencias artificiais, para definir o vivido este fin de semana pasado no seo de Bruxelas: a aprobación do texto da primeira Lei da IA. Segundo lembra o experto, “cando a Comisión Europea propuxo a súa formulación, en abril de 2021, nin sequera existía ChatGPT, e agora este novo regulamento enfróntase ao reto de ser o suficientemente flexíbel como para regular a evolución dunha tecnoloxía que cambia a ritmo de vertixe, pero sen restrinxir os seus procesos de innovación”.
A xuízo de Víctor Salgado, “que a UE se converta en pioneira nesta normativa constata a súa traxectoria: podemos dicir que é a rexión do mundo que mellor protexe os dereitos fundamentais dos seus cidadáns na contorna dixital”. E continúa: “A Unión Europea ten traballado moito previamente en materia de protección de datos e redes sociais, pero a Lei da IA é un punto de inflexión, a primeira gran resposta legal a nivel mundial”.
Para Salgado, máis aló do calado histórico, o regulamento presenta unha característica interesante e moi necesaria desde un punto de vista legal: a súa flexibilidade. “Tardará máis de 2 anos en entrar en vigor, e iso implica que durante o proceso de implementación da lei a IA vai evolucionar moito e a un ritmo moi rápido. Pero a normativa é consciente diso e por este motivo non regula tanto a tecnoloxía en si mesma, senón os seus efectos sobre as persoas. É, por tanto, unha lexislación que entende a necesidade de adaptarse, de incorporar unha certa marxe de actuación e unha estrutura menos ríxida para que se poidan introducir cambios sen pasar por procesos de tramitación moi dilatados no tempo”.
Para o avogado galego, a vixilancia biométrica e a autorregulación son dúas das claves fundamentais da nova norma: “A Lei é rotunda en prohibir unha serie de actividades que poden erosionar dereitos fundamentais da cidadanía. En concreto, limítase de maneira considerábel a vídeo-vixilancia masiva con Intelixencia Artificial, denominado na normativa como vixilancia biométrica: un sistema de recoñecemento facial altamente efectivo, pero que ofrece aos gobernos formas de control cidadán que chocarían cos seus propios dereitos e liberdades”.
Salgado contextualiza as limitacións desta tecnoloxía de vídeo-vixilancia, un dos ítems de maior conflito na xestación da nova lei: “Precisarán sempre de autorización xudicial, e utilizarase principalmente para localizar a sospeitosos de crimes moi concretos, como terrorismo, asasinato, secuestros, violacións, tráfico ou roubo armado. Ademais, só a poderán empregar os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado”.
Situando o foco máis aló deste aspecto, desde Pintos & Salgado tamén expoñen un segundo elemento a ter en conta, e é que o regulamento vai permitir unha certa autorregulación: “Tamén se entende que a IA vai ser un motor de innovación para a UE nos vindeiros anos, e por iso a lei permite que os desenvolvedores de IA se autorregulen; deséxase garantir que evolucione, pero iso si, de forma segura. Equilibrar innovación tecnolóxica e seguridade xurídica será o gran reto dos próximos anos”.

PUBLICIDADE