Vicky Colbert achégase ao modelo galego de innovación educativa

venres, 11 de outubro do 2019 Redacción

A Premio Mundial WISE de Innovación Educativa (2013), Vicky Colbert, está a visitar Galicia para coñecer o modelo de ensino no rural e as tecnoloxías postas en xogo para innovar as metodoloxías docentes. Hoxe estivo no CEIP de San Ramón (Moeche), acompañada da conselleira de Educación, Carmen Pomar, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove. Colbert interesouse polos proxectos que desenvolveu o centro ao longo do curso pasado e que este ano vén de renovar. Entre estes inclúese o traballo cos robots Escornabots a través do programa Biblioteca Creativa.
Amais, Colvert coñeceu o funcionamento do proxecto de libro dixital impulsado pola Xunta de Galicia, o E-Dixgal, ao que se incorporou este centro o pasado ano académico 2018/19.
Sobre Vicky Colbert
Galardoada tamén co Premio Yidan para o Desenvolvemento Educativo na súa primeira edición (2017), entre outros múltiples recoñecementos no eido do ensino, o emprendemento social e o liderado, Vicky Colbert é socióloga pola Universidade Javeriana (Colombia) con estudos de post-grao da Universidade de Stanford (EEUU). Colbert é, ademais, fundadora e directora da Fundación Escuela Nueva Volvamos a la Gente, co-autora do seu modelo pedagóxico e foi a primeira coordinadora nacional desta iniciativa, ademais de ter desempeñado diversos cargos en diferentes administracións educativas. Este modelo, posto en marcha a mediados dos anos 70 en Colombia, ten como obxectivo mellorar a calidade das escolas do país, centrándose na súa primeira fase no rural.

PUBLICIDADE