Vicepresidencia e o CPEIG lanzan app para loitar contra as agresións sexuais

luns, 13 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Tecnoloxía para loitar conta as agresións sexuais en calquera desas moitas situacións, especialmente frecuentes no verán, en que as mulleres volven soas aos seus fogares, á volta (por exemplo) dunha xuntanza ou dun festival de música. Este é un dos resumos posíbeis para a ferramenta móbil, Agresións Off, que presentou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desenvolvida en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia (CPEIG) e con carácter pioneiro na nosa terra. A app quere ser útil e non simplemente informativa. Con este fin, incorporará unha función que é quen de rexistrar a xeolocalización da usuaria cada pouco tempo, dando aviso ás persoas seleccionadas da mesma para telas ao tanto deste percorrido.
A aplicación, que ten precedentes na aplicación Escapp (ferramenta gratuíta de Vicepresidencia e o CPEIG para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero, da que falamos hai uns tres anos dende Código Cero), foi dada a coñecer hoxe nun acto no que tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente do dito colexio, Fernando Suárez.
Na cita cos medios informouse de que a aplicación xa se pode descargar hoxe para os sistemas operativos Android e nos vindeiros días para iOS.
A ferramenta, engadiron, abranguerá recursos como un decálogo contra a violencia sexual, consellos prácticos de como actuar ante posibles situacións de riscos e un directorio de lugares onde acudir a pedir axuda, así como teléfonos de información. Rueda, López Abella e Suárez tamén fixeron saber quen en vindeiras actualizacións engadiranse novas funcionalidades como a posibilidade de compartir a xeolocalización con calquera dos contactos que teña a usuaria, “para que estes poidan saber o percorrido que se está a realizar”.

PUBLICIDADE