VíaLugo abre oficialmente as súas portas

martes, 9 de xuño do 2015 Redacción

Como indicamos os días pasados a aceleradora de empresas VíaVigo, impulsada polo Consorcio da Zona Franca, conta xa con sede en Lugo, nas dependencias da Confederación de Empresarios local. Dende alí, dende VíaLugo, quérese dar acollida e impulsar novos proxectos innovadores do norte galego e, a longo prazo, estender a fórmula a todo o territorio galego (non só a Vigo e Lugo, que son as cidades que contan con presenza física da aceleradora). Para dar un pulo extra á sede da Cidade da Muralla, onte celebrouse alí un acto de apertura oficial, destacándose que a partir de agora, para falar de ambas palestras de emprendemento, cómpre falarmos de VíaGalicia. O acto contou coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen recordou que a VíaGalicia suma máis de 2,2 millóns de euros en apoios.
Estes apoios inclúen os respaldos para cada un dos 15 proxectos que resulten gañadores da convocatoria de 2015 de até 75.000 euros a través de Xesgalicia e a Axencia Galega de Innovación.
O conselleiro lembrou que os 15 proxectos con alto potencial innovador que resulten seleccionados este ano no certame VíaGalicia, non só recibirán apoio económico, senón colaboración en forma de infraestruturas para poñer en marcha a súa empresa, e asesoramento experto para desenvolver o seu plan de negocio e captar financiamento.
Tanto XesGalicia como a Axencia Galega de Innovación formarán parte do comité que seleccione aos proxectos gañadores, e Conde avanzou que este ano darase prioridade ao emprendemento innovador centrado nos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3, o mapa que guiará o investimento galego en innovación ata 2020. “Isto”, dixo, “suporá emprestar especial atención ás propostas de emprendemento que teñan que ver coa xestión innovadora dos recursos naturais e culturais, coa mellora da competitividade da industria, e coas tecnoloxías para unha vida saudábel e o envellecemento activo, tendo moi en conta especial importancia as tecnoloxías facilitadoras, especialmente as TIC e a biotecnoloxía”.
As primeiras fases de apoio aos proxectos levaranse a cabo tanto en Lugo como en Vigo, dependendo da elección do propio emprendedor, mentres que a fase final concentrarase en Vigo. A sede lucense localizarase na CEL, que contribuirá á iniciativa apoiando á súa difusión.

PUBLICIDADE