ViaGalicia anunciou os finalistas do seu programa de aceleración na LaconNetwork

venres, 29 de xaneiro do 2016 Redacción

ViaGalicia recibíu hoxe o premio Lacón Iniciativa

Esta mañá celebrouse o 6º aniversario do encontro de emprendedores LaconNetwork, encontro con grande convocatoria de profesionais do sector TIC, na que tiveron lugar unha charla maxistral, un par de mesas de traballo, e a primeira edición dos Premios LaconNetwork, que recoñeceron a Camilo Ameijeiras polo seu labor evanxelizador para manter vivo o espírito da LaconNetwork, a Antón Chaver como anxo investidor, a PSA como empresa impulsora, e á aceleradora de empresas ViaGalicia como Lacón Iniciativa.

Rosa Eguizábal participou na mesa sobre aceleradoras e emprendedores

Pero esta última entidade non estivo presente só como gañadora dun premio, senón que tamén participou na mesa sobre aceleradoras e emprendedores, na que a directora de promoción económica, Rosa Eguizábal, realizou numerosas achegas; e tamén aproveitou o encontro como escenario para anunciar os quince proxectos veñen de ser seleccionados para a fase final de aceleración de empresas, dos que oito proceden da sede de Lugo e sete de Vigo.

Un comité técnico de ViaGalicia elixiu estes proxectos de base tecnolóxica, científica ou de coñecemento de diferentes sectores para pasar á fase final de aceleración, na que recibirán titoría, mentoring e capital para apoiar a súa saída ao mercado cas maiores garantías de éxito.
Os 15 proxectos seleccionados na terceira edición desta iniciativa recibirán, segundo o programa que se desenvolve a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e as sociedades de capital-risco XesGalicia e Vigo Activo, un financiamento de 1.250.000 euros en préstamos participativos e achegas a fondo perdido.

Os responsables dos proxectos deberán agora dar o salto entre ser emprendedores e empresarios. Deste xeito, todos eles terán que constituír as súas sociedades. Así mesmo, e, ao longo de 6 meses, os equipos terán que traballar os seus modelos de negocio no espazo de coworking do Centro de Negocios de Porto do Molle baixo a supervisión do equipo de ViaGalicia e titores especializados.

Os finalistas

O actor Rubén Riós achegouse á LaconNetwork tras coñecer que o seu proxecto, Castañam, fora elixido para participar na terceira edición de ViaGalicia

Entre os proxectos seleccionados destacan Alfapilot, que desenvolve un dispositivo de navegación dirixido á aeronáutica recreativa; Nubings, unha solución IoT (Internet of things) personalizable para smartphones que permite aforros enerxéticos; Biwid, unha solución integral de apps de noticias para editores e medios; Oposita Test, unha ferramenta online para a preparación de oposicións; ou Peryco, un comparador online de perfumaría e cosmética para o consumidor final.

O comité técnico de ViaGalicia tamén seleccionou a diferentes plataformas que permiten ordenar coleccións de fotografía e recuperar as súas historias como Phottic, ou Twibex35, especializada no IBEX35, que permite captar o sentimento de mercado sobre análises de datos de social media.

Tamén foron elixidos A Despensa do Campo, plataforma de venta directa de produtos agrícolas; Castañam, empresa que comercializará pan e empanadas elaboradas con fariña de castaña co 100% de materia prima galega; Mercado Flotante, que permite a compra de todos os ingredientes necesarios para elaborar calquera culinaria do mundo.

Todos estes proxectos convivirán con Bendita Cociña, que contacta a chefs a domicilio coa xente que busca unha experiencia gastronómica de alto nivel na súa propia casa; Domesting, un sistema de reserva de profesionais e empresas de servizos domésticos de total confianza; Beta, Innovation for Veterinary Surgery, dedicada ao deseño, desenvolvemento, fabricación e subministro de implantes específicos para o sector veterinario; Resetea, de produción e comercialización de produtos innovadores, sostibles e socialmente responsables a través da reutilización de residuos; e VMS, Vehículo Motorizado Stilz, de fabricación, homologación e comercialización dun innovador vehículo de tres rodas 100% eléctrico.

Así mesmo, é preciso lembrar que os responsables de ViaGalicia poranse en contacto nos vindeiros días cos equipos dos proxectos que non foron elixidos para analizar as opcións que mellor se adapten ás diferentes ideas de proxectos e fases de maduración empresarial. Estas alternativas responden á vontade de incluír ao maior número de emprendedores, xa que o obxectivo deste programa é ver como as grandes propostas do noso contorno pódense converter en negocios de éxito.

Algúns dos finalistas de ViaGalicia anunciados hoxe durante a LaconNetwork

PUBLICIDADE