ViaExterior clausura a súa cuarta edición mostrando o pulo innovador dunha vintena de firmas galegas

venres, 17 de xuño do 2022 S. P.

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, clausurou este xoves 16 de xuño a cuarta edición de ViaExterior, a aceleradora multisectorial que asesora e forma a pequenas e medianas empresas galegas para iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización. Durante o acto, as 20 pemes participantes tiveron a oportunidade de presentarse ante potenciais investidores e entidades financeiras, que puideron coñecer de preto as súas proposta.
O grupo estaba integrado por Real Conservera Española, Hermasa Canning Technology, Ucalsa, Kóoch Green Cosmetics, Golosinas Mininolas, KeyBiological, Campus Education Spain, Cadenas y Trincajes, Luis Escurís Batalla, Montajes Fertri, Uarx Space, Grinaga Ingeniería, Quobis Networks, SMG Iberia, Gaictech, TDR 4Elementos, The Circle Ideas (Groovland), Brigal e Phivehicle..
Na súa intervención, o delegado do Estado subliñou que desde o 2016, ano da primeira edición de ViaExterior, participaron no programa 81 empresas, o que supón ?81 plans de internacionalización, 320 horas de formación e 6.400 horas de mentorado. “Preto do 90% desas empresas, engadiu, “lograron estar presentes, polo menos, nun novo mercado a curto prazo a través de exportacións directas, novos axentes ou distribuidores en destino, e mesmo a través da creación de novas filiais en Portugal, Chile, Ecuador, Estados Unidos e Holanda”.
O foro de investimento celebrado este xoves supón o broche final a seis meses de intenso traballo no que as empresas seleccionadas puideron adquirir coñecementos específicos para impulsar cadanseus negocios internacionais ou materializar os seus procesos de saída a mercados exteriores, minimizando os riscos e reducindo os tempos e custos de investimento.
Como novidade nesta edición, ademais do mentorado e a formación personalizada, as firmas participantes, pertencentes a sectores tan diversos como o TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o naval, o de alimentación ou o biotecnolóxico, entre outros eidos de actividade, tiveron a oportunidade tamén de recibir asesoramento individualizado para o seu mercado específico, e contaron ademais co apoio de titores para deseñar un plan de expansión internacional que incluía medidas de responsabilidade social corporativa.
Empresas participantes
1. Brigal. Empresa familiar que nace co obxectivo de converterse nun provedor global de artes gráficas para todos os tipos de tecnoloxía de impresión.
2. Cadenas y Trincajes. Constituída en 2008, dedícase á elaboración e subministración de sistemas de cables e barras de aceiro para diferentes sectores, como a construción e a industria naval.
3. Campus Education Spain. Empresa fundada en 2017 co obxectivo de promocionar España como destino educativo e de turismo académico a través do desenvolvemento de diferentes actividades dirixidas a estudantes internacionais.
4. Gaictech. Empresa con máis de 35 anos de andaina investigando, deseñando e fabricando equipos e sistemas para a industria conserveira e do conxelado.
5. Golosinas Mininolas. Empresa de fabricación, comercialización, distribución e exportación de todo tipo de lambetadas, doces e caramelos.
6. KeyBiological. Pioneira na produción, distribución e comercialización de aceites ozonizados, cosmética natural e suplementos nutricionais.
7. Grinaga Enxeñaría. Desde fai seis anos, ofrece solucións innovadoras de enxeñaría e xestión de proxectos para todo tipo de sectores.
8. Hermasa Canning Technology. Centrada desde hai 50 anos no deseño e fabricación de maquinaria tecnoloxicamente avanzada para o sector conserveiro.
9. Kóoch Green Cosmetics. Firma independente de cosmética orgánica fundada en 2017 cunha filosofía sustentábel orientada á vida sa.
10. Luis Escurís Batalla. Desde 1994 elabora conservas de mariscos e peixes de máxima calidade procedentes das rías galegas, combinando artesanía e tradición no seu proceso de fabricación.
11. Montaxes Fertri. Dedicada á fabricación e montaxe de invernadoiros e estruturas agrícolas.
12. Phivehicle. Empresa que desenvolveu unha ferramenta para medir, avaliar e comparar a potencia, par e eficiencia dun motor.
13. Quobis Networks. Consolidada como empresa de referencia no desenvolvemento de solucións personalizadas de telefonía IP, líder nacional na instalación e mantemento de SBCs de Oracle. Desde hai 7 anos, dispón da súa propia plataforma de comunicacións baseada en WebRTC.
14. Real Conservera Española. Empresa con longa tradición conserveira que aposta pola innovación e un produto gourmet único que se enlata de forma artesanal.
15. SMG Iberia. Empresa dedicada ao deseño e fabricación, instalación, reparación, actualización e mantemento de grupos electróxenos.
16. TDR 4Elementos. Naceu como unha pequena tenda de barrio e converteuse despois de 15 anos nuns dos TOP5 nacionais en streetwear.
17.The Circle Ideas (Groovland). The Circle ideas é unha consultora multidisciplinar dentro do sector pet. Groovland é unha proposta de e-commerce desta firma onde todo está pensado por e para as mascotas.
18. UARX Space. Especializada en viaxes compartidas e servizos de lanzamento para CubeSats e satélites pequenos.
19. Ucalsa. Fundada en 1986, trátase do principal provedor de portas e escotillas da industria naval española.

PUBLICIDADE