Verín, caso de éxito en integración da eAdministración

martes, 20 de xuño do 2017 Redacción

A firma esPublico, plataforma de servizos xurídicos especializada na administración, vén de cualificar o portal web do Concello de Verín como “caso de éxito” en materia de adaptación ao ámbito do eGoberno. Segundo reflicten fontes do Consistorio, un dos principais parámetros que se tivo en conta foi a ampla participación de veciñanza nos diferentes servizos. En termos concretos, dende a activación da totalidade de todas as funcionalidades do portal o pasado mes de maio, a día de hoxe tramitáronse a través de dita plataforma 38.194 documentos electrónicos, 2.992 expedientes e 5.715 rexistros.
O Concello, a raíz destes bos resultados, fixo reconto das orixes e obxectivos do proxecto, en cuxo desenvolvemento participou arreo todo o persoal do consistorio. Segundo informa, unha das finalidades era “lograr o cumprimento da lexislación en materia de Administración Electrónica”. Outro dos obxectivos foi mellorar as comunicacións dos veciños coa Administración local.
Segundo apunta o Concello, a idea era emendar e pór remedio as múltiples dificultades ás que se vían sometidos os cidadáns á hora de realizar xestións de maneira presencial. Isto conseguiuse en boa medida a través da implantación e posta en marcha da plataforma Xestiona, da empresa esPublico.
Segundo Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde do Concello, Xestiona facilita a colaboración e xestión conxunta de expedientes entre as diferentes unidades administrativas e permite un control dos documentos que conforman un expediente, amais do exame do mesmo antes da sinatura da súa resolución. Diego Lourenzo salientou que coa nova plataforma redúcense os custos de papel e de correos grazas á dixitalización de todo o sistema. “Con todo”, indicou, “aínda queda moito por facer para conseguir ser 100 % dixitais, que é a opción de futuro.

PUBLICIDADE