Venres 10 ás 19.55: novo apagón mundial en contra do estrago da enerxía

venres, 10 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Malia que semella que non o saben moitos internautas (nós non tiñamos constancia disto até o día de hoxe, se cadra porque este tipo de iniciativas vai perdendo pulo), este venres 10 de agosto está convocado un novo apagón mundial de electricidade. A “caída” xeralizada da chave da luz, que foi proposta para cinco minutos a partir das 19.55 de hoxe venres, ten unha vez máis o seguinte obxectivo con letras grandes: concienciar a institucións, empresas e ós cidadáns en xeral da importancia de coidar a enerxía e ó planeta enteiro. No que atinxe á letra pequena ou á que figura entre liñas, dicir que o que se procura con esta iniciativa é (tamén) axudarnos a abrir os ollos sobre as necesidades falsamente necesarias. É dicir: na práctica, temos máis dependencia do subministro eléctrico cá que deberíamos ter, e a soa idea de vivir decote con periódicos paróns de luz encamiñados a denunciar o estrago enerxético, quítanos o sono.
Detrás da convocatoria de hoxe está o grupo Alianza polo Planeta, constituído por 72 asociacións de todo o mundo, que están a tratar de restarlle importancia ó feito de pasar cinco minutos sen luz (moitos, malia que sexa verán e luza o sol, comportarémonos de seguro de xeito estraño, coma nun funeral alleo). A medida, que está a suscitar un intenso debate en espazos como Menéame sobre a súa efectividade real (mesmo se di nesta rede social que un apagón pode facer máis mal ca ben, xa que a enerxía xérase en base o consumo, e se hai sobreprodución e non se consume as instalacións de moitos países poden chegar ó colapso), apóiase –entre outros- sobre os seguintes alicerces: 1º Contribuír a loitar contra os incendios. 2º Pór freo á subida do nivel do mar. 3º Impedir o medre do furado da capa de ozono. 4º Loitar contra a subida das temperaturas. 5º Traballar contra a perda de produtividade das colleitas. 6º Frear a extinción das especies.

PUBLICIDADE