Vector ITC sinala que o Big Data é a solución á contaminación xerada polo consumo nos edificios

venres, 20 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa Vector ITC Group, centrada e innovación intelixente e cunha das súas sedes na Coruña, emitiu estes días un interesante informe sobre o consumos de enerxía innecesarios e emisións de CO2 que ben podían deixar de emitirse. Segundo fai saber a compañía, non é o transporte urbano, tal como se pensaba, o principal consumidor de enerxía nas cidades, senón os edificios. Estes, sinalan, abranguen a día de hoxe o 40% do total da enerxía consumida, o que representa o 36% das emisións de gases contaminantes da Unión Europea. Boa parte deste gasto, como era de agardar, é evitábel. Tanto en edificios públicos como privados, de institucións, de empresas ou de vivendas: hai un exceso en todos os ámbitos, exceso que en moitas ocasións prexudica aos propios ocupantes. Segundo apunta Vector ITC, este estrago de recursos pode solucionarse botando man das novas tecnoloxías.
Por exemplo, das tecnoloxías Big Data, que teñen capacidade para calcular, avaliar e tratar os datos de consumo de enerxía e que, a curto e medio prazo, poden supoñer aforros en custes de até o 20%.
Vector ITC Group sinala polo tanto que o concepto de Big Data é xa un recurso imprescindíbel para acadarmos de verdade edificios sustentábeis. Ou sexa, construcións onde se minimice o emprego das enerxías convencionais que as alimentan para mantelas en todo intre nun nivel de “confort aceptábel”. Para Vector ITC Group hai dous escenarios de actuación para a mellora da eficiencia enerxética dun edificio: segundo a lexislación vixente e segundo referencia interna. O obxectivo, dise, é acadar unha boa nota no Certificado de Eficiencia Enerxética, que varía desde a clase A, para os máis eficientes, á clase G, para os menos eficientes. “Grazas ás técnicas de Big Data”, explican os responsábeis da compañía, “pódense transformar os datos recompilados en información e despois en coñecemento, e deste xeito identificar que edificios non cumpren cos estándares de eficiencia enerxética e elaborar logo un plan de acción que alcance uns obxectivos de consumo axeitados e obter unha categoría no Certificado de Eficiencia Enerxética superior”.
Para entendermos o devandito, a empresa pon o exemplo dunha iluminación que nun edificio xere un consumo excesivo. O sistema detectarao e achegará respostas acaidas, como implantar sistemas de autoapagado ou empregar lámpadas de baixo consumo. Estas conclusións e estes recursos a ter en conta, explica a compañía, poden conseguirse a través de módulos de eficiencia que permitan deseñar plans de actuacións, establecendo métricas que son seguidas e controladas no tempo e que abren o camiño para a sustentabilidade. As métricas xerais son a ocupación do edificio, a electricidade, iluminación e climatización, os equipos informáticos empregados e o illamento. Outros parámetros non menos importantes son o consumo de auga, papelería e plásticos consumíbeis ou o emprego de enerxías renovábeis, explica a empresa Vector ITC, con sedes na Coruña, en Madrid e distintos países de América Latina e con longa experiencia en materia de innovación intelixente.

PUBLICIDADE