Ve a luz en formato papel o Dicionario Inglés-galego da man do Seminario de Lingüística Informática

venres, 14 de decembro do 2012 Fernando Sarasketa

Alberto Álvarez Lugrís, Valentín García, Salustiano Mato e Paulo Cabral con cadanseu exemplar da obra

Esta semana a Universidade de Vigo presentou un importante recurso lingüístico, polo seu amplo potencial de uso e consulta, para quen desenvolva o seu día a día (por estudos, por traballo ou por comunicación diaria en xeral) a cabalo entre o galego e o inglés. Falamos do Dicionario Moderno Inglés Galego, unha obra que achega e manexa, entre outras moitas cifras, 20.000 entradas, 30.000 correspondencias e 60.000 exemplos. Este volume, que segundo sinala a Universidade vén a encher un baleiro histórico na nosa lexicografía (que non tiña aínda un recurso desta índole), foi publicada por 2.0 Editora e desenvolvida ( logo de dez anos de intenso traballo) polo Seminario de Lingüística Informática, dous equipos de traballo que, como o seu propio nome indica, teñen fortes ligazóns coa contorna tecnolóxico-dixital.
Sen ir máis lonxe, o traballo despregado foi dando froitos na Rede antes de chegar á publicación final do dicionario, tal e como tivemos ocasión de comprobar coa ferramenta de consulta CLUVI de inglés-galego. Este recurso de balde ampliou logo o seu corpus no ámbito dixital até chegar ao dicionario actual que se publica en papel, “un formato”, explican os integrantes do seminario e responsábeis do proxecto (Xavier Gómez Guinovart , Alberto Álvarez Lugrís e máis Eva Díaz Rodríguez), “que permite dar a coñecer a obra a un público máis amplo”. O dicionario xa está nas librarías dende hai varios meses e del xa se venderon máis de cincocentos exemplares. Con todo, cómpre avisar de que non será a derradeira achega ao respecto. Na presentación quedou claro o desexo dunha segunda parte, unha nova versión galego-inglés, e así o lembraron o responsábel da editorial, Antón Lado, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén presente no acto de posta en longo, xunto co reitor (Salustiano Mato) e os integrantes do seminario.
A maiores, desde o Seminario de Lingüística Informática recalcaron que, ademais de querer que o dicionario e o corpus que o alimenta sigan medrando, teñen xa outros dicionarios en diferentes fases de elaboración e que, con maiores ou menores bases de datos, xa se poden consultar dende hai tempo na súa web: francés-galego, español-galego, alemán – galego, inglés-portugués. Iniciativas para as que precisan, ao igual que no caso do dicionario inglés-galego, da axuda e financiamento das institucións, salientou Álvarez Lugrís.

PUBLICIDADE