Varias compañías galegas crean a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL)

mércores, 17 de outubro do 2007 Raquel Noya

Co respaldo da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Xunta de Galicia, un total de catorce compañías do sector tecnolóxico galego veñen de reunirse para conformar a primeira Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).
Esta iniciativa, que xorde nun momento clave para o software libre na nosa comunidade, ten como principal obxectivo promocionar o software libre como ferramenta dun novo modelo para desenvolver a sociedade do coñecemento e a información en Galicia e para asumir un labor de interlocución ante colectivos empresariais e Administración Pública (sobre todo para asesoralas no proceso de migración e implantación de software libre.
Asemade, AGASOL pretende fomentar e organizar a colaboración entre os seus asociados para facilitar a xeración de novas oportunidades de negocio deixando á vista as vantaxes, tanto económicas como de uso, que ofrece o software libre.
O pulo dunha asociación destas características vai servir asemade para axudar a xerar un tecido empresarial do sector TIC en Galicia. O perfil das empresas que compoñen AGASOL é o de PEMES integradas por enxeñeiros informáticos ou de telecomunicacións emprendedores que apostan pola internacionalización destas ferramentas.

PUBLICIDADE