Vai de Letras encheu as redes de literatura sobre o mar e os seus produtos

luns, 15 de xuño do 2020 S. P.

O certame Vai de Letras, o apartado literario da campaña Vai de Peixe da Consellería de Mar, destinada a promover o consumo de produtos do mar entre a mocidade galega (as nosas e nosos millenials), xa ten gañadora. No concurso, no que se convidaba a facer un relato curto na nosa lingua arredor do mar e a pesca, impúxose finalmente Navia Rivas de Castro (Boimorto, 1992). A actividade desenvolveuse nas redes sociais en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado reuniuse o 4 de xuño e decidiu premiar o relato de Navia entre as máis de 200 contribucións literarias recibidas.
Esta acción foi dirixida a mozas e mozos entre 18 e 35 anos residentes en Galicia que, para participar, tiveron que completar online, dende os seus fogares, este texto de inicio: "Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero..."
Os relatos non podían superar as 150 palabras engadidas á frase inicial, á que se podía acceder a través das redes sociais e da web de Vai de Peixe. Tiñan que estar escritos en lingua galega e xirar arredor da temática desta campaña. Na selección do gañador valorouse a orixinalidade, calidade lingüística e de redacción e a aproximación á temática.
O premio para a gañadora consiste nun lote de libros (5 títulos da literatura galega actual) e máis un teléfono móbil.
O xurado estivo composto pola conselleira do Mar, Rosa Quintana; Pastora Charlín, xefa do gabinete de comunicación da Consellería do Mar; Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude; e Beatriz García Turnes, Lingüista Investigadora do Centro Ramón Piñeiro.

PUBLICIDADE