Urco, a editorial galega especializada en fantasía e terror, estrea blog

venres, 18 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

A editora galega Urco, da que falamos hai uns meses con motivo da súa posta en marcha (e da súa web), está a incorporar máis canles de comunicación cos lectores da nosa terra, principalmente os lectores afeccionados ós xéneros da ciencia ficción ou do terror. Urco, que apostando por estas temáticas aposta tamén por traballar unha eira en barbeito –a da fantasía- no mercado da literatura en galego, quere que a súa nova aposta pola Web, con feitura de blog, sirva tamén para poñer a disposición dos internautas as edicións dixitais das traducións feitas pola editorial sobre obras en Dominio Público.
En realidade, este achegamento á cultura libre non é de agora e, de feito, xa no intre mesmo no que se deu a coñecer, a editorial advertiu do seu compromiso coas licenzas Creative Commons, que permiten un acceso e un uso libre ó arquivo en cuestión aínda que respectando sempre a autoría e recoñecéndoa. Asemade, os responsables de Urco xa informaron de que empregarán o blog para informar puntualmente e de xeito periódico das novas publicacións e doutras novidades vinculadas á edición en galego.

PUBLICIDADE