Uns vinte alumnos do CEIP Benigno Quiroga de Lugo reciben o carné de ciberexpert@s

luns, 20 de marzo do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou este luns 20 na entrega de carnés de ciberexpert@s a 18 alumnas e alumnos do CEIP Plurilingüe Benigno Quiroga Ballesteros, en Lugo, que participaron no curso de Ciberexpert@ impartido pola Policía Nacional. Na cita coa rapazada a subdelegada salientou a formación que ofrece os axentes aos escolares da provincia “para previlos dun mal uso de Internet e as redes sociais e evitar así ser vítimas de ciberdelitos”. E engadiu: “Un de cada cinco delitos que se cometen en Galicia son telemáticos, de aí a importancia de fomentar entre os mozos e mozas un uso responsábel das redes sociais, protexendo sempre os seus datos e a súa intimidade”.
A subdelegada felicitou a todos os nenos e nenas e destacou a necesidade de concienciar aos menores, nativos dixitais, dos perigos aos que se expoñen nas redes e facilitarlles ferramentas para unha boa xestión da súa información. No acto tamén participaron o delegado de Participación Cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e a directora do centro, Marta Randulfe.
Isabel Rodríguez informou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil están a facer “un gran labor educativo nesta materia ofrecendo charlas nos centros educativos da provincia”. Un deses programas de formación é o Ciberexpert@, que imparte a Policía Nacional e que chegará a 350 alumnos de 6º de primaria do concello de Lugo, con charlas en varias xornadas.
Co desenvolvemento desta iniciativa, a Policía Nacional trata de sensibilizar e formar aos menores co obxectivo de “minimizar os riscos que poden atopar no uso cotián das Tecnoloxías da Información e a Comunicación”. Tamén se pretende familiarizar aos menores e á súa contorna educativa e familiar no uso de ferramentas para unha navegación máis segura e capacitar aos escolares no uso responsábel das redes sociais.
Neste curso participaron nesta formación escolares do CEIP Sagrado Corazón, CEIP Manuel Mallo Mallo, CEIP Quiroga Ballesteros, CPR Salesianos, CEIP Rosalía de Castro, CEIP Casás e CEIP Illa Verde. Ademais, para as próximas semanas están programadas sesións no CEIP de Albeiros e CEIP A Ponte. En total, escolares de 9 centros lucenses recibirán formación de identidade dixital, redes sociais, suplantación de identidade, ciberacoso, sexting, grooming e tecnoadicións, entre outras.

PUBLICIDADE