Unity 5.2 permite facer xogos universais para Windows 10

martes, 8 de setembro do 2015 Marcus Fernández

A plataforma de desenvolvemento de videoxogos Unity vén de estrear a súa versión 5.2, incluíndo importantes novidades entre as que destacan especialmente a posibilidade de permitir crear aplicacións para Project Morpheus, para Windows 10 e para a plataforma de aplicacións universais de Windows, o que nos últimos escenarios aínda é máis interesante polo feito de que Unity avanza na integración con Visual Studio, de xeito que agora está dispoñible a opción de descargar Visual Studio Community 2015 con Visual Studio Tools for Unity (antes coñecido como UnityVS) a través do propio instalador de Unity.
Os avances de desenvolvemento en contornos Windows son realmente interesantes, xa que non só permiten facer xogos para o novo Windows 10, senón que tamén abre a porta á creación de títulos que tamén funcionen en teléfonos con Windows e consolas Xbox One, permitindo que os proxectos poidan chegar a un público cada vez máis amplo.
Na mesma liña tamén están as melloras no desenvolvemento para a realidade virtual, que chegan na forma de compatibilidade con Project Morpheus, pero que significa que conta coas ferramentas necesarias para traballar tamén para Oculus Rift e Gear VR, ou sexa, que prepara o contorno de desenvolvemento para unha tendencia de mercado que espérase que agrome durante 2016.

PUBLICIDADE