Uninova organiza unhas xornadas sobre métodos TIC para mellorar a rendiblidade

mércores, 25 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

Uninova (incubadora de empresas da USC) organiza esta semana unha xornadas sobre Business Intelligence dirixidas a empresas especializadas no deseño e posta en funcionamento de novas tecnoloxías ó servizo das relacións cos clientes e da xestión mesma, co obxetivo de afondar na súa rendibilidade. Nas sesións (que xa comezaron) están a participar firmas dos eidos da acuicultura, seguridade e hixiene alimentaria, solucións avanzadas para Internet, enerxías renovables, tecnoloxías da información e das comunicacións ou de consultaría técnica ambiental, entre outras.
A primeira xornada desenvolveuse este martes 24 na Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre e contou coa participación do xerente de Uninova, Gustavo Marcos. A segunda e derradeira sesión do curso celebrarase o xoves 26 para tratar temas relacionados coas tipoloxías de clientes, a relación entre vendas e rendibilidade, e os modelos CRM e Business Intelligence para a integración das novas tecnoloxías da información.

Proxecto europeo Transtic
A xornada forma parte do Proxecto Europeo TRANSTIC (Programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC), que á súa vez está enmarcado dentro da iniciativa Europea Interreg III-A e ten por obxectivo o de impulsar a xeración de contactos e relacións de cooperación comercial ou tecnolóxica, tanto entre empresas vinculadas ao sector das TIC como entre estas e as PEMES, potenciais demandantes dos seus servizos. Con desenvolvemento deste programa foméntase a aparición de oportunidades de negocio transfronteirizas das microempresas, aproveitando as novas oportunidades ofrecidas polas TIC.
Ademais, o programa trata de formar a un equipo de técnicos especializados, en cada unha das rexións participantes, capaces de impulsar a aparición de contactos comerciais e oportunidades de negocio transfronteirizos das microempresas da zona, aproveitando para elo as novas oportunidades ofrecidas polas TIC. O proxecto permitirá tamén definir accións formativas destinadas a impulsar a utilización das novas tecnoloxías no tecido empresarial fomentando a colaboración con empresas do sector.

PUBLICIDADE