Unikuo.com: tenda en liña para achegar os obxectos de luxo ao común dos internautas

venres, 20 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

Sexa pola crise económica ou non, o certo é que semella que o sector produtivo da compra e venda de obxectos de segunda man está a recibir un pulo extra. Cada pouco, asistimos á chegada dunha nova tenda en liña orientada a coller a testemuña de eBay e chegar até onde está non pode ou simplemente non quere chegar: á especificidade e ao pormenorizado. Neste eido insírese Unikuo.com, un establecemento dixital dedicado de xeito exclusivo á venda de artigos de luxo, de segunda man e tamén novos, que chega agora a España cun catálogo de reloxos que irá complementando, sinalan os creadores da web, en datas vindeiras con produtos de xoiería, pel e complementos, entre outros.
A páxina web, como é de supoñer, non é para tódolos petos, sobre todo se o internauta se centra nas cousas de primeira man que se ofrecen, pero pode ser unha alternativa para quen queira botar man dun reloxo de alto standing, usado (iso si), sen ter que pedir unha hipoteca. As marcas son desas que só coñecen, para que nos imos enganar, os poucos mortais aos que a crise lles toca de lonxe: Rolex, Bancpain, Oris, Breitling, Gucci, etc. Con todo, e tal como se dixo, a través desta web están algo máis preto do común dos mortais, ou sexa, “a uns prezos moi interesantes e procedentes de distribuidores oficiais que queren axilizar a rotación do seu stock”, sinalan os responsábeis da tenda en liña.

PUBLICIDADE