Unhas xornadas da USC poñen o foco nos importantes beneficios da robotización no agro
luns, 11 de xullo do 2022
Estes
días estase a falar en Lugo, no Campus Terra, da frutífera
confluencia entre tecnoloxías intelixentes de automatizacióin e
sector primario. Estamos
a falar das Xornadas sobre Robótica Agrícola e Gandeira que
organiza a USC en colaboración coa Deputación de Lugo, de cuxa
inauguración falamos
este luns en Código Cero. Polo ciclo pasaron xa o responsábel
de mercadotecnia de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, e o presidente
de Kubota España, Germán Martínez, quen destacaron as vantaxes
derivadas da automatización diante de máis de 70 participantes
nunhas xornadas que proseguen este martes na EPSE con relatorios dos
investigadores Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar, do Centro de
Automática e Robótica do CSIC.
Segundo
fixeron saber Sánchez e Martínez, a transferencia de coñecemento e
a progresiva implantación de solucións innovadoras orientadas á
automatización de tarefas cotiás a través da robotización
aumentan as producións nos sectores agrogandeiro e forestal, ao
tempo que mellora o rendemento económico das explotacións, ao tempo
que tamén redunda en maiores cotas de benestar das persoas e mesmo
na calidade do traballo.
As
xornadas, coordinadas polo profesor Javier Bueno e que continuarán
este martes con dous novos relatorios a cargo dos investigadores do
Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e
Robótica do CSIC Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar, serviron
asemade para inaugurar o Programa de Formación Aberta da EPS de
Enxeñaría, unha iniciativa a través da que o equipo de dirección
do centro universitario lugués pretende achegar aos membros da
comunidade universitaria como ao público en xeral “formación
complementaria específica que redunde tanto na mellora do seu grao
de benestar como no progreso dun sector primario que tanta
importancia ten na provincia de Lugo”, dixo a directora da EPSE,
Rosa Romero.
A
delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera,
remarcou na súa intervención neste foro, promovido en colaboración
coa Deputación Provincial de Lugo, a Confederación de Empresarios
de Lugo e a Fundación Agroalimentaria de Galicia, os novos folgos
que reporta o Grao en Robótica para a oferta académica que imparte
a USC na EPS de Enxeñaría, ao tempo que indicou que “o elevado
grao de robotización que están a experimentar as explotacións
agrogandeiras e forestais actúa como un novo acicate para que o
futuro profesional no sector primario esperte máis atractivo entre
as novas xeracións”.
Volvendo
á intervención do responsábel de mercadotecnia de Lely Ibérica,
Alberto Sánchez, abriu este programa de relatorios cunha exposición
sobre a robotización de explotacións de vacún de leite, no marco
do que tratou algúns dos aspectos e as múltiples evolucións
experimentadas polos robots de muxido desde a súa implantación hai
xa tres décadas. Sánchez presentou tamén na súa intervención
algunhas das últimas aplicacións desenvolvidas por esta
multinacional especializada na prestación de recursos e servizos
para explotacións de vacún de leite e que ten a vaca como centro da
súa actividade.
O
enxeñeiro agrónomo Germán Martínez, que é presidente de Kubota
España e vicepresidente de Ventas da División de Tractores Kubota
en Europa, deu continuidade á primeira quenda de intervencións
deste foro coa charla Exemplos de innovación de kubota para o
futuro sostible da agricultura, na que avanzou algunhas das
últimas achegas nas que está a traballar esta multinacional con
sede en Xapón.
A
segunda xornada deste ciclo sobre robótica agroforestal e gandeira
céntrase no labor que desenvolve a comunidade científica. Así, os
investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de
Automática e Robótica do CSIC Dionisio Andújar e Ángela Ribeiro,
ofrecerán este martes cadanseu relatorio baixo o títulos Robots
intelixentes en Agricultura. O futuro xa está aquí e Cultivando
con datos: cara a agricultura robótica de precisión.