Unha xornada no CDTIC dará conta das axudas estatais para a dixitalización das PEME

martes, 10 de maio do 2016 Redacción

O Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) acolle o vindeiro xoves a xornada Súbete á nube, na que a entidade pública estatal Red.es presentará o seu programa de axudas para que PEME e autónomos incorporen solucións de Cloud Computing.
Durante a xornada explicaranse o detalle do programa Súbete a la nube, cuxa finalidade é ofrecer ás PEME e autónomos axudas de entre 635 e 15.000 euros para adopción de solucións tecnolóxicas na nube dentro do seu proceso de modernización. O prazo de presentación de solicitudes desta convocatoria será do 18 de maio ata o 8 de xuño.
O experto en transformación dixital Mikel Diez Parra (Digital Transformation Lead en IBM) explicaralles aos asistentes as claves para modernizar os seus negocios, as vantaxes da computación na nube ou cloud computing. Ademais, neste encontro verase un conxunto de solucións cloud transversais a toda actividade económica: posto de usuario, xestión económica, xestión de negocio, relación con clientes, xestión do punto de venda, comercio electrónico, infraestrutura como servizo, plataforma de desenvolvemento como servizo ou central virtual.
A xornada está dirixida aquelas empresas interesadas en obter unha axuda económica para iniciar un proceso de dixitalización no seu negocio. Para asistir á xornada Súbete á nube é preciso inscribirse a través da páxina web do CDTIC ou a través da aplicación móbil do CDTIC para iOS ou para Android.
A xornada está programada en función do seguinte horario:
9:45 horas - Recepción e rexistro de asistentes
10:00 horas - Benvida
Eladio Otero, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da AMTEGA
Mariano Tejedor. coordinador de Economía Dixital de Red.es
10:15 horas - Conferencia: Como me axuda o cloud no meu negocio?
Mikel Diez Parra, Digital Transformation Lead de IBM
10:45 horas - Como podo optar ás axudas do Programa de fomento da demanda de solucións de computación na nube para pequenas e medianas empresas?
Mariano Tejedor, coordinador de Economía Dixital de Red.es
Dúbidas e preguntas
11:15 horas - Café e networking
11:45 horas - Como mellorou o meu negocio despois de subirme á nube?
Exposición de casos de éxito sobre a implantación de solucións cloud.
12:15 horas - Preguntas e clausura do acto

PUBLICIDADE