Unha xornada formará ao sector madeireiro sobre a xestión en liña a través da sede electrónica da Xunta

xoves, 10 de maio do 2018 Redacción

A Consellería do Medio Rural e a AMTEGA ofrecen aos empresarios do sector da madeira unha xornada formativa para facilitarlles a xestións en liña a través da sede electrónica da Xunta, tras a publicación no DOG o pasado xoves, 26 de abril da Orde pola que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, que recolle a presentación telemática obrigatoria, para todas as persoas xurídicas e aos seus representantes, así como ás entidades sen personalidade xurídica.
A xornada celebrarase o martes, 15 de maio, baixo o nome Tramitación electrónica en aproveitamentos madeireiros e leñosos - Faite dixit@l e tramita nun clic. Haberá dúas sesións, unha de mañá, de 10:00 a 12:00 horas, e outra de tarde, de 16:00 a 18:00 horas, nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, que serán retransmitidas por videoconferencia en 23 aulas da Rede CeMIT.
Cada ano tramítanse en Galicia milleiros de solicitudes de autorización, declaración responsable e comunicación final de aproveitamentos madeireiros e leñosos por empresas e particulares, que coa tramitación online poden realizar estar xestións en calquera momento e sen desprazamentos. Cabe destacar que, aínda que a obrigatoriedade da xestión online non abrangue aos particulares, si lles pode resultar interesante a xornada para realizar trámites como a declaración responsable, que lles permite realizar o aproveitamento forestal desde o mesmo intre da súa presentación, polo que a presentación electrónica ten unha utilidade inmediata.
O enfoque da xornada será práctico e estruturarase nos seguintes puntos:
1.-Identificación de procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final.
2.- Aplicación de formularios CORWEB na Sede Electrónica da Xunta de Galicia.
3.- Presentación na Sede Electrónica con distintos medios sinatura electrónica.
4.- Rolda de preguntas.
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden achegarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela ou ben a calquera das aulas CeMIT que amoraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia á mencionada xornada e así achegar esta formación por toda Galicia.

PUBLICIDADE