Unha web turística permite escoller destino a partir de vistas en liña e en 3D

mércores, 27 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Quen non anda procurando destino de vacacións na Rede é porque xa chegou. Ou sexa, quen máis, quen menos, anda fozando na Internet estes días na busca do sitio ideal onde pasar uns cantos días. O malo da Rede é que hai portas de máis nas que petar, e as poucas boas de verdade, sexan desinteresadas ou de tipo empresarial, aparecen cada día máis sepultadas na maré de reclamos comerciais baleiros que Google nos ofrece. Villascopic.com non é o recurso polo que estabamos a agardar, pero pon en xogo unha serie de cousas dende o punto de vista tecnolóxico que achegan un pouco de información sobre o futuro do turismo en liña. Entre os seus puntos máis salientábeis, dicir que nos ofrece a posibilidade de buscar aloxamento explorando en liña o destino, a vista de paxaro e en 3D.
Podemos elixir entre 60.000 lugares onde durmir en case 90 países, 6,789 cidades e 15 millóns de puntos de interese. A idea dos responsábeis do servizo era dar cumprida resposta ás preguntas inevitábeis que facemos á hora de interesarnos por un destino: Este hotel estará á beira do mar? Estamos preto de zonas naturais ou rodeados de cemento? Hai algo que me asegure que poderei descansar ben e que pola noite non terei que despedir ou recibir cada avión que marcha ou chega ao aeroporto lindeiro ao noso hotel? O servizo, que foi posto en marcha hai un mes, foi xa elixido pola axencia AvendreALouer.fr (do grupo Pages Jaunes), o segundo sitio web de anuncios inmobiliarios profesionais en Francia, como socio-fornecedor exclusivo para a súa sección de aloxamento de vacacións.

PUBLICIDADE