Unha vintena de mulleres de Silleda participa até outubro nos obradoiros de Galegas Dixitais

venres, 8 de setembro do 2023 S. P.

Dende esta semana e até o 13 de outubro, 21 mulleres do concello de Silleda están a asistir ás actividades do programa de formación Galegas Dixitais. Nesta 2ª edición que se fai en Silleda, o curso impártese na Casa da Xuventude de 9 a 14 horas. A través del poderán aprender competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento.
Trátase dunha serie de obradoiros cos que introducir ás participantes en competencias dixitais básicas e avanzadas con vistas á posta en marcha de iniciativas de proxectos de mercado. Nesta recta final as actividades leváronse a cabo en Ponteareas, en Vigo e Pontevedra e máis en Silleda (a partir do 4 de setembro e até o 13 de outubro, na Casa da Xuventude).
Os obradoiros veñen da man de Beproject e ARA Formación. Galegas Dixitais é un programa financiado por fondos Next Generation da UE e promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
A iniciativa inclúe cursos gratuítos dirixido a mulleres de tres módulos con 40 horas cada un. As asistentes recibirán un portátil de regalo e o título oficial acreditativo. Abordaranse cuestións como as competencias dixitais básicas e avanzadas para a actividade empresarial e profesional.
Para máis información cómpre visitar a web www.galegasdixitais.es ou chamar aos números 604 03 95 75 e 886 20 37 63.
As mulleres que se inscriban nesta iniciativa poderán obter os seguintes resultados:
-Aprender a usar as novas tecnoloxías tanto para o día a día como para o seu traballo ou negocio.
-Mellorar a súa capacidade de empregabilidade.
-Levar un ordenador portátil totalmente gratuíto.
Participar neste programa é totalmente de balde xa que, como dixemos, o programa está promovido pola Xunta de Galicia e financiado a través dos fondos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

PUBLICIDADE