Unha vintena de centros e academias da nosa terra participan esta semana na Hora da Programación de Code.org

mércores, 10 de decembro do 2014 Fernando Sarasketa

Como avanzamos hai uns días dende Código Cero, esta semana na que estamos mergullados ía ser unha semana internacional de programación nos centros de ensino, algún que outro galego. A culpábel disto? Pois non é outra que a organización Code.org, responsábel da iniciativa da que estamos a falar, One Hore Code, A Hora da Programación, unha proposta de alcance transfronteirizo e global para fomentar e amosar nas escolas as múltiples vantaxes de poñernos na pel das informáticas e os informáticos. Entre as entidades galegas que apoian o evento está o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, CPEIG, que se uniu a unha celebración que en boa medida lle atinxe directamente. Non só pola natureza do seu cometido (promover a profesión TIC) senón porque recentemente fomentou unha iniciativa semellante para a nosa terra.
Entre os centros de ensino galego ou academias que están a participar da semana da programación (en realidade é unha hora de programación colectiva, pero os centros teñen liberdade para elixir esa “hora” ao longo do período comprendido entre o 8 e o 12 de decembro) atópanse un centro que xa citamos os días pasados, o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, ao que cómpre engadir o CPI Terras de Maside, o IES Otero Pedrayo (Ourense), o IES A Sangriña (A Guarda), o IES de Tomiño, o centro Maía Inmaculada (Vigo), o CEIP García Barbón (Vigo), a Universidade de Vigo (Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra), o Colexio Internacional SEK-Atlántico (Pontevedra), o CEIP Noalla Telleiro (Sanxenxo), BruxaAvaría (Sanxenxo), o IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), o CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo), o IES de Valga, o CIP Dos Dices (Os Dices), o IES Rosalía de Castro (Santiago), Code Monsters (A Coruña) e o IES Menéndez Pidal (A Coruña), Meu Lar (Narón) e o IES Vilar Ponte (Viveiro). O xeito de participar destes centros de ensino e academias será o seguinte (con maiores ou menores diferenzas): desenvolvendo durante sesenta minutos actividades de programación axeitadas á idade do alumnado.
Desmitifación
Segundo informa o CPEIG a conto desta Semana das Ciencias da Computación de Code.org, a iniciativa vai en boa medida dirixida a quitarlle ferro a esta carreira profesional dende idades moi temperás. Segundo fai saber reflectindo declaracións de Hadi Partovi, fundador e CEO de Code.org, cómpre “desmitificar a programación e amosar que a informática non é unha ciencia especial, calquera pode aprender as súas bases”. O que se procura desde esta organización internacional a través da iniciativa One Hore Code é acadar a máxima participación, en concreto a de milleiros de estudantes de todo o mundo.
Code.org é un organismo público sen arela de lucro dedicado a ampliar a participación en informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.
Dende Code.org consideran que é preciso que as ciencias computacionais e a programación de código sexan parte do plan de estudos nos centros de infantil e primaria e nos institutos, no mesmo orde de importancia que a Bioloxía, Xeografía ou Matemáticas. “Cada estudante”, sinala a organización a este respecto, “debe ter a oportunidade de aprender ciencias computacionais, xa que axudan a fomentar as habilidades de resolución de problemas, á lóxica e á creatividade”. E engade: “Ao introducir aos estudantes dende idades temperás neste tipo de formación información, achégaselles unha base para o éxito en calquera carreira do século XXI”.

PUBLICIDADE