Unha única xanela telemática conectará ao contribuínte cos diferentes rexistros da Axencia Tributaria de Galicia

venres, 7 de setembro do 2012 Raquel Noya

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou recentemente a posta en marcha, en xaneiro de 2013, da primeira Axencia Tributaria de Galicia, unha entidade que se prevé que sexa máis eficiente na prevención da loita fiscal e coa se pretende mellorar o servizo á cidadanía, ao tempo que “se aforrarán uns 15 millóns de euros en catro anos”, segundo informou o Executivo.
Isto suporá levar a cabo, entre outras cousas, un exercicio de “simplificación administrativa”, explicou Feijóo, mediante o que se eliminará a Dirección Xeral de Tributos, cinco departamentos territoriais, cinco zonas de recadación e 42 oficinas liquidadoras, que “pasan a converterse en oficinas de presentación de documentación, pero non de liquidación de impostos”, aclarou o presidente.
As novas tecnoloxías xogarán un papel importante nesta nova entidade pública galega, ao ter previsto crear unha xanela telemática única coa que se poida conectar ao contribuínte cos diferentes rexistros, tanto da Propiedade como Mercantil.
Con esta plataforma en liña tamén se mellorará o servizo de apoio ao contribuínte, aportando información de utilidade, reducindo trámites e achegando asistencia no tocante á xestión tributaria cando sexa necesario.

PUBLICIDADE