Unha tese da UVigo constata o valor de Internet para que as TV manteñan audiencia

martes, 21 de abril do 2015 Redacción

Silvia García Mirón, profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, vén de avaliar na súa tese de doutoramento o potencial de Internet para o presente e futuro das televisións. Segundo se desprende do seu traballo (unha fonda análise da programación de Antena 3: dúas décadas de emisións), constátase que as canles de TV atoparon na Rede “unha ferramenta estratéxica para manter audiencia”. Ademais, sinala, a Internet xa perdeu o compoñente primeiro de ameaza, cedendo o terreo a un concepto novo de “ferramenta alternativa, ao tempo que complementaria, á televisión tradicional para a distribución de contidos”.
Na súa tese fálase da Internet como estratexia multisoporte: “Unha estratexia que vai alén da simple programación en franxas horarias para abranguer a difusión de contidos na Internet, a súa promoción en redes sociais ou o desenvolvemento de aplicacións para móbiles relacionadas con eses contidos”.
A súa investigación, como dixemos, parte dun caso concreto para guindar conclusións e conceptos de aplicación xeral: o caso de Antena 3, canle que celebra este 2015 o seu 25 aniversario. Segundo fai saber a profesora, Antena 3 apostou claramente por permitir a visualización en liña dos seus contidos, creou contidos exclusivos para a Rede e divulgou nas redes sociais información privilexiada dos seus programas e serie. O obxectivo e resultado de todo isto: dar forma a unha cadea que incidise na participación e na interactividade co espectador.
Esta postura da devandita canle é aplicábel hoxe en día a outras, creando, sinala a investigadora, un panorama de emisoras que están a apostar (e están obrigadas a apostar) por estratexias innovadoras de distribución de contidos, nas que “a visión debe de estar posta na vida do produto máis aló da súa emisión, algo que se debe facer a través do espectador”, explica García Mirón, que informa na súa tese que arestora as canles están orientadas a fomentar a participación dos seus seareiros “converténdoos en usuarios a través dos servizos que lles ofertan en Internet”. Como por exemplo a participación en redes sociais, en foros e comunidades ou promovendo “encontros dixitais cos rostros da canle, enquisas, votacións ou ránkings”.
Segundo concluíu esta investigadora, Antena 3 “asumiu dunha forma máis temperá cá competencia a necesidade de adoptar outras estratexias de distribución de contidos que tivesen en conta o potencial das TIC”. Ao seu xuízo, foi a primeira televisión de difusión xeral en contar con canle propia en YouTube e a primeira en ofrecer un servizo de novas para teléfonos móbiles. “Foi a partires do ano 2009”, relata García Mirón, “cando esta canle situou no proxecto 3.0 o eixo das súas estratexias empresariais, programáticas e de comunicación”.
A súa tese preséntase baixo o seguinte epígrafe: Antena 3, nacemento e evolución (1990-2010). Contidos, estilo e estratexias de programación en prime time da primeira emisora de televisión privada española. Foi dirixida pola profesora Mónica Valderrama.

PUBLICIDADE