Unha tese da USC suspende ás nosas administracións en materia de uso das redes sociais

xoves, 19 de xaneiro do 2012 Fernando Sarasketa

As redes sociais e o seu potencial para establecer contacto e comunicación estreita están por debaixo das súas posibilidades a nivel institucional. Así nolo conta a Universidade de Santiago, que reflicte estes días o traballo do investigador José Sixto García no eido da revolución dixital que estamos a vivir e a súa desigual manifestación segundo sexa o ámbito que se atenda (sendo o ámbito gobernamental un dos menos activos e eficaces). O traballo de Sixto García, plasmado na súa tese de doutoramento titulada Marketing e Comunicación, céntrase tamén nas razóns deste desleixo das institucións públicas polas plataformas 2.0, un desleixo que non se manifesta tanto na falta de presenza como na ausencia de estratexia e compromiso unha vez que as entidades se deciden a facer acto de presenza nestas comunidades dixitais.
Segundo apunta o investigador, isto reflíctese nunha “desatención á participación continuada e ás interaccións co público”, que irá perdendo interese no que se lle ofrece nas redes sociais e, polo tanto, interactividade. A tese de José Sixto, defendida na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, foi obxecto de sobresaliente cum laude e acadou, ademais, mención internacional. A investigación levouse a cabo sobre unha base que nos toca ben preto: a Xunta e as súas consellerías, os concellos das sete grandes cidades e as catro deputacións provinciais. Todas elas, dirixidas por diferentes posturas políticas ao longo do tempo, teñen amosado, iso si, unha cousa en común: a súa presenza na Internet. Con todo, sinálase na investigación, isto non abonda. De feito, apunta, o máis idóneo sería que tirasen proveito das ferramentas máis interactivas, e non tanto “das tradicionais páxinas webs corporativas, os anuncios en páxinas alleas ou os mecanismos comunicativos propios dos espazos 1.0 e máis primitivos”, sinálase. Segundo manifesta o investigador, seis de cada dez webs confirman a súa presenza nalgunha rede social, “pero na maioría dos casos non reflicten un uso continuado, senón puntual para a promoción de determinados produtos”. Malia todo, engádese, as redes sociais son o formato que mellor acollida ten entre as institucións gobernamentais, posto que os blogs tan só son usados como formato único polo 9,09% do total. Entre os datos achegados, cómpre salientar que hai un emprego xeneralizado das redes sociais para informacións variadas pero non tanto institucional. No caso das consellerías da Xunta, sinálase, “a transmisión deste tipo de información é nula (0%) e se restrinxe, pois, aos mecanismos tradicionais, onde a participación do receptor é moito máis limitada e os niveis de interactividade descenden ou incluso desaparecen”. Facebook é a rede elixida pola maioría, seguida de YouTube, Twitter, Tuenti e Myspace.

PUBLICIDADE