Unha rede social de habilidades en liña, elixida mellor web 2.0 de Europa

venres, 25 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

No marco do Blogak 2.0, celebrado este xoves 24 en Bilbao con motivo de tomarlle o pulso á nova orde de Internet (tendencias, teimas, defectos e virtudes), déronse a coñecer os nomes das que poderían ser as mellores propostas europeas 2.0 da actualidade, polo menos se temos en conta a opinión do xurado de Startup, un certame convocado por Haz Ruído na Internet. O caso é que finalmente o primeiro premio non veu para Galiza, concretamente para a ferramenta Hipoqih (que pisou forte entre os seleccionados), senón para Sclipo, unha rede social en liña na que os usuarios achegan e reciben información sobre todas esas cousas que ben se poden facer no galpón da casa cunha funda azul da construción e un cinturón de ferramentas.
Ou sexa: bricolaxe en casa, pero en liña, e en chave multitudinaria. A proposta apóiase unha vez máis na idea do UVG (User Video Generated), fomentando a xeración de vídeos formativos e didácticos á par que (como é de supoñer) divertidos. Os temas a tratar son variados, e até hai quen achega clases de baile ou técnicas para unha boa sesión masturbatoria.
O obxectivo dos seus creadores era constituír unha comunidade forte e cohesionada na Rede xirando arredor da experiencia de aprender. O servizo púxose en marcha dende Barcelona (dixirido por Gregor Gimmy) e, como todos os fillos da Web 2.0, está en beta (aberto, na liña do constante desenvolvemento). Os ingresos da iniciativa chegan a través da publicidade contextual e as análises de mercado.
En segundo lugar situouse unha iniciativa deseñada en Israel, 5min, e no terceiro Properazzi, unha web que procura propiedades inmobiliarias por toda Europa.

PUBLICIDADE