Unha redada policial deixa fóra de liña a The Pirate Bay

martes, 9 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Durante os últimos anos The Pirate Bay non cesou de mudar de nome de dominio e localización dos seus servidores (incluso entre distintos países), chegando a adoptar unha arquitectura que facilite a súa rápida replicación, para evitar que as autoridades dalgún país en concreto poidan bloquear os seus contidos, pero todas estas medidas non parecen ter sido suficiente, e hoxe, por primeira vez en meses, o servizo desapareceu da Rede a nivel mundial, e finalmente sóubose que non se trataba dun problema técnico, senón dunha redada policial en Estocolmo (posiblemente nas instalacións de Portlane na estación de Nacka, un data center de 1.700 metros cadrados construído nun leito de rocha para conseguir unhas boas condicións ambientais para albergar até 2.500 servidores).
Dende as autoridades policiais suecas confirman que están a desenvolver unha operación conectada coa violación do copyright, sen chegar a dar detalles sobre a mesma, pero que parece que non só afectaría a The Pirate Bay, senón que tamén tería no punto de mira a outras páxinas web relacionadas á rede BitTorrent, xa que EZTV, Zoink, Torrage e o rastrexador Istole están actualmente fóra de liña.
Poderiamos estar ante os últimos capítulos da historia de The Pirate Bay, pero é de agardar que o espírito desta iniciativa continúe, aínda que teña que desprenderse da súa marca.

PUBLICIDADE