Unha plataforma de axuda á empregabilidade dos refuxiados ucraínos recibe o Premio e-Inclusión do CPEIG

martes, 14 de xuño do 2022 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio e-Inclusión da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia á plataforma IT for Ukrainians de axuda aos refuxiados ucraínos, fundada por Mobile World Capital Barcelona e CIONET Iberoamérica coa colaboración de Widerpool e RDT Ingenieros, ademais de múltiples organizacións adheridas e colectivos do ámbito dixital e das tecnoloxías da información como o Consejo de Colexios de enxeñaría Informática de España (CCII).

IT for Ukrainians é un proxecto sen ánimo de lucro dirixido a ofrecer oportunidades de futuro ás persoas refuxiadas ucraínas e as súas familias que atesouran capacidades e coñecementos no ámbito tecnolóxico e dixital. Trátase dunha iniciativa pioneira para axudar a estas persoas, obrigadas a marcharse do seu país, a buscar emprego estable e de calidade de carácter indefinido, mentres se prolonga a estancia noutros países, conectando o seu talento dixital coa demanda destas capacidades e competencias por parte de empresas punteiras e innovadoras do sector en toda Europa. O CIO e director de Conectividad Inteligente de Mobile World Capital Barcelona, Eduard Martín, explica que a iniciativa contribúe a mellorar as súas condiciones de vida mentres dure o conflito. Eduard Martín recollerá a distinción do CPEIG na gala da Noite acompañado polo director Xeral Corporativo de CIONET, Bruno Méndez.

O obxectivo de IT for Ukrainians apóiase nun feito no que moitas ONG insisten nos últimos tempos: A realización profesional facilita o proceso de integración e axuda ás persoas a construír un futuro mellor para elas e as súas familias. A plataforma, dispoñible en inglés e ucraíno, ofrécese para que as persoas interesadas poidan obter unha oportunidade no sector dixital, dando soporte en cinco áreas:
– Asesoramento sobre titulacións e certificacións profesionais no campo dos empregos dixitais.
– Identificación das capacidades e competencias técnicas de cada persoa.
– Contacto, intermediación e filtrado de compañías que poidan ofrecer garantías de contratación e de desenvolvemento profesional e que, entre as súas necesidades estean as de cubrir posicións con perfís dixitais, informática ou enxeñaría.
– Mentorización, asesoramento, se é necesario, para a súa plena integración profesional durante este período das súas vidas e amparo legal en todo o proceso garantindo modelos de vinculación laboral plenamente legais.
– Apoio a súa integración lingüística.

A plataforma permite que os interesados poidan enviar os seus datos de contacto, unha breve descrición das súas competencias e coñecementos técnicos e formación, así como o seu perfil de LinkedIn. A partir de aquí realízase un filtrado que garanta a validez da oferta de traballo proposta e o potencial encaixe desa persoa no posto.

PUBLICIDADE