Unha páxina web permite analizar os incendios forestais padecidos en España dende 2001

martes, 14 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Como exercicio de transparencia os Gobernos están a avanzar na adopción do Open Data (lembremos que a Xunta de Galicia ten un portal sobre as súas achegas a este concepto que persegue a reutilización da información do sector público) o que posibilitou que o enxeñeiro en Telecomunicacións galego Juan Elosua desenvolvese unha páxina web coa información da Base de Datos Nacional de Incendios Forestais (EGIF) chamada España en llamas, que facilita facer un seguimento dos lumes forestais rexistrados en España dende 2001, o que permite concluír que Galicia é a comunidade máis afectada polos incendios, con máis do 42% das incidencias do Estado (pese a que só ocupemos o 8% da superficie).
Esta páxina web é un proxecto da Fundación Cidadá Civio, que abriu unha rolda de crowdfunding para manter este proxecto vivo, e avanzar no mesmo para investigar a responsabilidade dos incendios, os gastos en prevención ou extinción, a influencia da mala conservación das fragas na propagación das lapas, o uso do lume para recalificar ilegalmente o terreo ou se a lei para a prevención de incendios cúmprese. Para conseguir estes obxectivos precisarían uns 9.040 euros, aínda que con 4.650 euros xa poderían desenvolver boa parte das investigacións proxectadas.

PUBLICIDADE