Unha páxina web galega recompila deseños de aplicacións móbiles para iOS
luns, 7 de outubro do 2013
Ao desenvolver unha aplicacións para dispositivos móbiles é
habitual botar un ollo a outros desenvolvementos semellantes durante a fase de
deseño, para poder comprobar e contrastar como resolven distintas ferramentas os
distintos elementos que compoñen unha app, como pantallas de presentación,
listaxes, mapas menús, barras de navegación... Dende a compañía galega Taptil (responsable de
desenvolvementos como Pandeireta PRO, bUSCatermos
ou Sendegal) son
conscientes desta necesidade, e decidiron facilitar a súa solución a través
dunha páxina web que veu a luz nos últimos días: iOS-patterns.
Este novo espazo na web conta cunha completa colección de exemplos de deseños
extraídos no momento de escribir estas liñas de 37 aplicacións móbiles
distintas, que irán ampliándose cada poucos días e que incluso está aberto a suxestións.
Deste xeito, a empresa galega de desenvolvemento de aplicacións móbiles quere “axudar
a outra xente que poida ter as mesmas necesidades” que o seu equipo de
deseñadores, que ten o bo costume de analizar outras aplicacións móbiles para
coñecer as últimas tendencias e comparar o xeito no que outros deseñadores
abordaron o mesmo problema.
A cousa non remata aí, e dende Taptil aseguran que tamén están a preparar unha
páxina web na mesma liña dirixida a recompilar deseños de aplicacións de
Android, ante as diferenzas que podemos atopar nas distintas plataformas
móbiles, que precisan de abordar certos elementos dun xeito diferente
(lembremos que, por exemplo, o iPhone carece de elementos como un botón de
atrás e o de opcións, o que afecta substancialmente ao xeito de interactuar con
algunhas aplicacións).