Unha patente galega mellora a distribución de vídeo baixo demanda

luns, 31 de maio do 2010 Raquel Noya

Malia as constantes melloras coas que contan os sistemas de distribución de contidos sen fíos, tanto terrestres como por vía satélite, hoxe en día, dende a Universidade de Vigo aseguran que “seguen a persistir eivas que fan que este tipo de redes sen fíos adoezan dun comportamento variable, cunha efectividade e potencia que depende da posición do usuario, da limitación do longo de banda e da meteoroloxía, entre outros factores”. É por isto que o alumno de Enxeñaría de Telecomunicacións da devandita entidade académica, Rafael Asorey, vén de desenvolver, na súa tese de doutoramento, unha investigación cuxos resultados contribúen a optimizar e mellorar estes sistemas sen fíos e que xa deron como froito a publicación de doce artigos en congresos e revistas internacionais. Porén, o froito máis valioso recollido desta sembra foi a creación dunha patente para un sistema que mellora o funcionamento dos servidores que distribúen vídeo baixo demanda, solucionando os problemas de escalabilidade que se poidan dar. Asorey asegura que “propúxose un novo esquema de vídeo case baixo demanda con corrección implícita de erros sen necesidade de aumentar a utilización de largo de banda grazas ao aproveitamento da redundancia implícita que ofrecen estes esquemas”. As probas realizadas en redes WiMax amosan que o esquema proposto ten un comportamento “notable” e, como resultado destas contribucións, “destacan o desenvolvemento dunha biblioteca de funcións que permiten a adaptación de servidores de vídeo baixo demanda ao esquema proposto, que está recollido nunha patente”.
Porén o traballo de Rafael Asorey na súa tese de doutoramento non só abrangue a distribución de vídeo en redes inarámicas como WiFi ou WiMax, senón que tamén propón melloras na distribución de contidos en redes sen fíos, tanto terrestres como vía satélite. Neste senso, as achegas de Rafael Asorey para paliar os problemas que presentan o uso deste tipo de redes sen fíos (principalmente relacionados coa orografía do terreo, a meteoroloxía ou a distancia do usuario ás estacións base) centráronse na distribución de vídeo, por unha banda en directo e por outra baixo demanda, tema este último para o que propuxo a patente. No primeiro caso desenvolveu un prototipo que é quen de solventar problemas de posición dos usuarios xa que cando se difunde un vídeo a varios usuarios, os máis afastados teñen peor recepción e en consecuencia consomen máis recursos para acadar as mesmas prestación que os demais. Así, Asorey é quen de estimar a posición do usuario e adaptar a taxa do vídeo en tempo real “e os usuarios afastados reciben o vídeo a taxas inferiores e prodúcese un maior aproveitamento dos recursos do sistema”. Asemade, propuxo un algoritmo de asignación de canles de vídeo que permite maximizar o número simultáneo de canles e aumentar de xeito importante o número máximo de usuarios.
Na imaxe, o autor da patente, Rafael Asorey.

PUBLICIDADE