Unha nova páxina web quere axudarnos na elección de coche novo

venres, 2 de maio do 2014 Marcus Fernández

Á hora de renovar o noso automóbil temos cada vez un abano de opcións maior, resultando todo un reto comparar os distintos vehículos nas súas múltiples configuracións e prezos, polo que o emprendedor coruñés Jorge Baspino decidiu contribuír a reducir o tempo que se inviste na busca de coche novo creando a páxina web Tu Asesor de Coches, que a través dun áxil cuestionario permite que nun par de minutos poidamos obter unha relación cos 10 vehículos que mellor se adaptan ás nosas necesidades.
Para empregar este servizo non precisamos ter coñecementos técnicos, e simplemente temos que indicar o prezo que estamos dispostos a pagar, os gustos, o uso que imos darlle ao automóbil e algún outro detalle que contribuirá a elixir entre máis de 5.700 versións de turismos novos que poden adquirirse no mercado español.
Este proxecto desenvolveuse co apoio de ENISA, por considerarse como unha ferramenta innovadora con grande compoñente tecnolóxica, e tamén conta co respaldo da aceleradora DAD (fundada por Rodolfo Carpintier) e de Centio Seed Ventures.

PUBLICIDADE