Unha investigación galega certifica a importancia das redes sociais para os investimentos

xoves, 14 de marzo do 2019 Redacción

As redes sociais teñen potencial como “termómetros financeiros ou referencias” á hora de preparar e efectuar investimentos en bolsa. Esta é a cerna temática da investigación de doutoramento que vén de presentar a luguesa Ada M. Pérez Pico na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC baixo o título Analysis of the investor sentiment and its influence on financial markets behavior through social networks.
A investigación, dirixida polos profesores Ángeles López Cabarcos e Juan Piñeiro Chousa, faise eco (amplificándoas e pescudando nelas) das teorías que defenden que a condutas dos investidores nos mercados financeiros non sempre se rexen polos criterios da razón, recoñecéndolles aos sentimentos unha marxe importante de acción e responsabilidade no labor dos devanditos profesionais, boa parte dos cales (os sentimentos) teñen orixe, pegada e reflexo na actividade xerada nas redes sociais. Segundo salienta Pérez Pico, existe unha rica relación entre os sentimentos que os investidores verten nas comunidades e servizos de comunicación dixitais e os mercados financeiros.
Os resultados acadados pola investigadora no marco das súas pescudas conclúen que “as redes sociais teñen unha influencia directa nos movementos e na volatilidade dos mercados financeiros”, ao tempo que salienta que o perfil do investidor nestas ferramentas de comunicación dixital é un factor relevante nesta relación.
Logo de probar a existencia dunha relación directa e de carácter bidireccional entre o sentimento dos investidores nas redes sociais e os mercados financeiros, a doutora Pérez Pico conclúe que tanto as persoas que invisten como as propias empresas deben prestar atención á actividade rexistrada nas redes sociais en aras a mellorar as súas estratexias de investimento.
O profesor da Escola de Administración da Universidade de Lancaster Alistar Anderson presidiu o xurado encargado da avaliar a tese de doutoramento internacional presentada por Ana M. Pérez Pico. O profesor da Universidade de Valencia Domingo Ribeiro Soriano e Beatriz Aibar Guzmán, profesora da USC, completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada por esta investigadora luguesa.

PUBLICIDADE