Unha investigación do CITIC da UDC, premiada por AMETIC

venres, 28 de abril do 2023 S. P.

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, entregou o Premio I+D+i en IA da Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica (AMETIC) ao investigador Óscar Fontenla Romero do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.
Este premio, que se entregou na sexta edición do encontro AMETIC Artificial Intelligence Summit 2023 celebrada en Madrid, recoñece as mellores prácticas e resultados de investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito da Intelixencia Artificial co proxecto de investigación Machine Learning on the Edge desenvolvido na UDC e financiado pola Fundación BBVA.
Ademais de Óscar Fontenla como investigador principal participaron no proxecto Amparo Alonso Betanzos, Bertha Guijarro Berdiñas, Elena Hernández Pereira, Noelia Sánchez Maroño, Beatriz Pérez Sánchez, Verónica Bolón Canedo, Laura Morán Fernández e David Novoa Paradela do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA) da UDC.
O proxecto Machine Learning on the Edge ten como obxectivo o deseño e desenvolvemento de novos métodos de aprendizaxe automática que poidan ser adestrados e operados nos dispositivos informáticos dispoñíbeis nas contornas de computación no borde (edge computing). Segundo reflicte o CITIC este tipo de contornas son cada vez máis comúns, especialmente no ámbito do Internet das Cousas (Internet of Things, IoT). Ademais, engade o centro, “este paradigma de aprendizaxe permite o desenvolvemento de novos modelos de Intelixencia Artificial que salvagarden a privacidade dos datos, e presentan outras vantaxes adicionais como unha menor latencia, o que os fai máis idóneos en contornas en tempo real, e un menor consumo de enerxía eléctrica para o adestramento do modelo”.

PUBLICIDADE