Unha iniciativa para avanzar en accesibilidade tecnolóxica, premiada nos terceiros premios Innovatia 8.3

martes, 13 de outubro do 2020 S. P.

Finalmente a Universidade de Santiago comunicou a semana pasada quen son as gañadoras da edición actual, a terceira, do seu certame Innovatia 8.3, convocados pola USC e o Instituto da Muller para fomentar iniciativas empresariais innovadoras no eido científico-tecnolóxico, lideradas por mulleres e con orixe nos campus. As gañadoras foron Libera Bio e Tilúa Asisencia, esta última centrada en tirar abaixo o meirande número de barreiras entre as novas tecnoloxías e os colectivos de persoas con diversidades funcionais ou cognitivas.
Polo que respecta á compañía biofarmaceútica e spin-off da USC Libera Bio, especializada no desenvolvemento de novos medicamentos anticanceríxenos baseados en nanotecnoloxía, foi recoñecida na categoría Empresa de base tecnolóxica dos III Premios Innovatia 8.3. O proxecto promovido por Desirée Teijeiro e María José Alonso recibiu un galardón dotado con 10.000 euros.
Volvendo a Tilúa Asistencia, é como dixemos unha iniciativa dirixida a facilitar ás persoas con diversidades de toda índole tecnoloxías que lles axuden no seu día a día. Foi recoñecida na categoría Empresa startup. O proxecto promovido por Emilia Méndez Barrios e presentado pola Universidade Miguel Hernández de Elxe obtivo un galardón de 7.000 euros.
A tamén spin-off da USC BFlow, así como Evoenzyme do Centro Superior de Investigacións Científicas, foron finalistas na categoría de mellor empresa de base tecnolóxica; mentres que na modalidade destinada a premiar á mellor startup, as finalistas foron Kubalu Events da Universidade Politécnica de Madrid e Enthec Solutions da Universidade Carlos III.
A terceira edición destes premios contou coa participación de 41 empresas, 23 de base tecnolóxica e 18 novas firmas. Nos proxectos seleccionados valorouse ademais da innovación e a viabilidade económica, a súa sustentabilidade e o seu impacto social; o volume de emprego proxectado e a súa calidade; o carácter interdisciplinario do equipo e as súas políticas de igualdade.

PUBLICIDADE