Unha ferramenta desenvolvida no CiTIUS, premiada no congreso CIRCLE 2022 de Toulouse

venres, 15 de xullo do 2022 S. P.

Do 4 ao 7 de xullo a Universidade francesa de Toulouse acollía ao congreso internacional que serve de eixo anual ás comunidades do eido científico de Recuperación de Información en Europa (Joint Conference of the Information Retrieval Communities in Europe-CIRCLE 2022). Nesta edición premiouse ao talento galego, en concreto á demo-paper Social Minder, unha ferramenta desenvolvida no CiTIUS para detectar información falsa sobre o COVID-19 en redes sociais.
Así, un dos responsábeis deste enxeño, o investigador Marcos Fernández Pichel, recolleu o recoñecemento en Toulouse logo de presentar o traballo na sección de Demos e sters do congreso: “Estamos moi contentos de que Social Minder tivese esta gran acollida entre o público asistente”, afirma o investigador predoutoral do centro. “Esta plataforma serve para detectar tendencias de credibilidade en Twitter, pero tamén podería aplicarse a outros usos como, por exemplo, monitorizar os produtos dunha compañía e as súas mencións ou un determinado grupo poboacional”, explica.
Volvendo a Social Minder, dicir que estamos perante unha plataforma en liña que analiza en tempo real os contidos e o grao de credibilidade das publicacións relacionadas coa saúde en Redes Sociais. Emprega Tecnoloxías Big Data para o procesamento eficiente de datos masivos, e Tecnoloxías da Linguaxe e Intelixencia Artificial para a predición da credibilidade. A listaxe de responsábeis desta ferramenta complétase cos investigadores vinculados do CiTIUS: David E. Losada e Juan Carlos Pichel.
Engadir por último que a dita aplicación é de acceso libre e gratuíto, e o seu funcionamento pode consultarse na ligazón especifica habilitada dende o centro compostelán.

PUBLICIDADE