Unha empresa italiana prepara o seu propio Joost para web

martes, 21 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O vindeiro mes de setembro a empresa italiana Crosscasts Systems ten previsto anunciar o lanzamento de WiTV, unha nova plataforma de televisión pola Internet que parece inspirada en Joost, pero que está baseada no propio navegador de Internet (precisando só de Flash 8 para funcionar) e que ten moitas características interesantes como a posibilidade e publicar anuncios entre vídeos e sobre os vídeos, xestionar capítulos, realizar comentarios ós vídeos (e ler os que publican outros), chatear, recomendar vídeos a amigos, amosar subtítulos en varios idiomas e mesmo realizar operacións de comercio electrónico durante a reprodución de contidos.
Polo momento o servizo non está dispoñible ó público, pero aínda que a interface de uso sexa impresionante o seu éxito dependerá principalmente dos contidos que inclúa e da súa carga rápida (o que podería ser moito máis caro que a infraestrutura de Joost, que se basea en tecnoloxía P2P).
O novo servizo tamén poderá enviar vídeos a dispositivos coma o iPod, os móbiles multimedia, as consolas de videoxogos portátiles ou o Vista Media Center.

PUBLICIDADE