Unha empresa española recibirá un Oscar técnico

xoves, 10 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Ignacio Vargas e Víctor González (Next Limit) nunha imaxe captada para El País

Os españois Víctor González, Ignacio Vargas e Ángel Tena recollerán o vindeiro 9 de febreiro un Oscar técnico polo desenvolvemento da aplicación informática RealFlow, que xa é un estándar da industria cinematográfica para simular o comportamento de fluídos de xeito realista.
Así, a empresa madrileña Next Limit verá coma o seu traballo durante os últimos 10 anos é recompensado cun galardón que elevará aínda máis a súa marca. RealFlow xa se empregou para simular os efectos sonoros e visuais de líquidos en películas coma El Señor de los Anillos, Ice Age 2, Charlie y la Fábrica de Chocolate ou Poseidón.
Víctor González asegurou que aínda que o premio non estea dotado economicamente, proporciona a súa empresa «a mellor publicidade e marketing que existe na industria do cine mundial».
A aplicación premiada, RealFlow, véndese a 2.700 euros, aínda que as empresas mercan normalmente múltiples licenzas e renovan o programa anualmente, vendendo xa máis de 7.000 licenzas deste programa, principalmente a fóra de España.
Next Limit conta con 30 empregados en Madrid e 1 en Los Ángeles, que desenvolve labores de formación nos EE.UU., aínda que planean abrir unha oficina permanente alí no futuro.

PUBLICIDADE