Unha empresa con piares galegos lidera o eido das aplicacións de música 2.0

luns, 17 de marzo do 2014 Redacción

O equipo de InQBarna nunha foto publicada por El Confidencial (co galego Nacho Sánchez á dereita)

Toca falar dunha nova iniciativa empresarial de orixe galega da que xa tivemos constancia en 2011 cando dimos conta da celebración do primeiro concurso de aplicacións móbiles AppCircus, celebrado en Santiago e contando entre os integrantes do seu xurado con Nacho Sánchez, responsábel e fundador de InQBarna. Agora os motivos polos que salienta InQBarna están directamente relacionados coa súa propia actividade, non coa das start-ups galegas coas que comparte mercado e experiencias. Segundo se conta, o lucense Nacho Sánchez presentou na pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona a súa aplicación Veat, que sincroniza música e imaxes para dar forma a un novo formato audiovisual na que as fotografías seguen, por así dicilo, as pautas que as cancións e os usuarios impoñan. A ferramenta foi unha das sensacións da feira.
A isto hai que sumar os éxitos colleitados por outros recursos de InQBarna, unha empresa que en palabras de Sánchez está especializada en Social Music Apps, que son ferramentas para impulsar a vertente social da música, sendo como son as cancións os piares básicos do acto de compartir, agora (coa chegada das redes) e dende sempre. En definitiva: compartir tamén é crear, e iso sábeo ben quen gravou algunha vez unha cinta casete para dedicarlla a outra persoa.
Como dixemos, amais de Veat houbo outros éxitos colleitados. Por exemplo Splyce, unha ferramenta que nos deixa marxe para seleccionar varias cancións no noso móbil e reproducilas logo de xeito que se ligan unhas coas outras, solapándose, dándolle ao conxunto o aire conxuntado e equilibrado que lle daría un DJ. Por certo que Splyce xa tivo 800.000 descargas na App Store. Ademais, con outra das súas aplicacións, a app Deej, os estudos nos que desenvolve o seu labor o galego Nacho Sánchez (estudos emprazados en Barcelona, no Poblenou), conseguiron ocupar o número un nas clasificacións musicais da tenda de Apple a nivel internacional.
A maiores, cómpre non esquecer o traballo feito pola empresa para pór en marcha unha plataforma na cidade francesa de Niza (Nice City Pass) que integra datos en tempo real de tódolos medios de transporte e prazas de aparcadoiro que hai na cidade. Xa nun plano máis concreto, amósanos cousas como a frecuencia coa que pasan trens ou autobuses, os posíbeis accidentes no noso traxecto, as rutas alternativas ou a posibilidade que temos de atopar unha bicicleta nun punto determinado.

PUBLICIDADE