Unha campaña racista sorprende ao difundirse en fotografías de produto en Amazon

luns, 1 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Os conflitos raciais nos EE.UU. están a ter un reflexo moi amplo en redes sociais, pero o que sorprendeu considerablemente é que algúns movementos provocadores se levasen a ámbitos inexplorados, como as plataformas de comercio electrónico. Ao igual que temos visto no pasado como algunhas campañas empregaban o Google bombing para chamar a atención, desta volta causou grande estupor que na páxina web británica de Amazon xurdisen produtos con mensaxes racistas coados nas imaxes dos mesmos, de xeito que cando un consumidor buscaba auriculares bluetooth ou AirPods atopaba nos resultados imaxes en miniatura con mensaxes racistas.
Semella que estamos ante unha actividade coordinada e moi puntual, con vendedores sen historial, ou sexa, que houbo quen se deu de alta como vendedor en Amazon para lanzar esta campaña de odio que foi rapidamente freada por Amazon, compañía que incluso podería emprender accións contra os responsables desta accións que non só violan as normas da plataforma en liña, senón que tamén poderían supor delitos de odio.

PUBLICIDADE