Unha campaña contra Amazon no Reino Unido podería derivar nunhas perdas de máis de 3,5 millóns de libras

xoves, 11 de decembro do 2014 Redacción

A Amazon probablemente non lle van ir moi ben as vendas na campaña de Nadal na que xa estamos en maior ou menor medida mergullados, ou polo menos non tan ben como desexaría. Sobre todo no Reino Unido, que é onde se está a impulsar o que se considera o meirande boicot rexistrado na historia do país contra o xigante das vendas en Internet. A raizame da campaña contra Amazon hai que rastrexala en 2013, cando a activista Emily Kenway puxo en marcha unha mobilización na plataforma Change.org para forzar á devandita empresa a mellorar as condicións laborais dos seus traballadores no Reino Unido (basicamente subirlles o soldo até un mínimo aceptábel).
Froito desta campaña (apoiada por máis de 65.000 persoas) creouse unha páxina específica, Amazon Anonymous (A.A.), dende a que se convida aos internautas do país a non mercar nada a través da canle de venda da empresa mentres esta non emende as ditas condicións laborais. Esta nova arremetida conta a multinacional vai acompañada doutra campaña en Change.org que xa anda a rentes (este xoves 11 de decembro) dos 130.000 apoios. A través dela, pídeselle a Jeff Bezos que este Nadal lles pague aos seus traballadores un soldo para vivir.
Segundo se estima, as perdas para a compañía derivadas destas acción poderían acadar máis de 3,5 millóns de libras. Segundo se fai saber en Amazon Anonymous, a empresa sitúa os seus almacéns en zonas deprimidas onde non hai outra alternativa para os traballadores. Igualmente, critícase que non pague impostos en Reino Unido, “malia conseguir máis de 7.000 millóns en vendas só entre 2009 e 2011”.

PUBLICIDADE