Unha app facilita as revisións das ortodoncias dende casa

martes, 14 de marzo do 2023 Redacción

Mellorar a saúde e estética do sorriso sen ter que acudir á clínica de ortodoncia para todas as revisións é o que permite facer o innovador sistema que a Clínica MAEX Pérez Varela de Santiago vén de pór en marcha. A través dunha experiencia piloto, os pacientes poderán enviar vídeos e comunicarse coa clínica de forma segura desde a comodidade da súa casa ou desde calquera parte do mundo.
O sistema, desenvolvido por DentalMonitoring, baséase en intelixencia artificial e tecnoloxía dixital, e grazas ao dispositivo ScanBox Prol e un smartphone, permite que o paciente poida tomar fotos e vídeos intraorais desde calquera lugar e envialas ao ortodoncista a través da aplicación DentalMonitoring para pacientes. Estas imaxes son procesadas e analizadas polo sistema e a partir delas desenvólvense dous informes exhaustivos: un para o paciente, con recomendacións ou instrucións sobre o seu tratamento, coidado bucodental ou se é necesario acudir a consulta; e outro para o ortodoncista, con parámetros que detallan a evolución do tratamento do paciente sen necesidade de desprazamentos innecesarios ata a clínica.
Esta innovadora tecnoloxía permite realizar un seguimento virtual dos tratamentos de ortodoncia e detectar ata 130 observacións clínicas ou incidencias. Así, o equipo da clínica pode levar un control exhaustivo semanal ou quincenal da evolución dos tratamentos na boca dos pacientes, en función das necesidades de cada caso concreto. O sistema detecta automaticamente calquera incidencia, por exemplo o movemento dos dentes, a deformación do arco, un bracket danado ou caído, desaxustes ou dano no aliñador, problemas xinxivais, e envía un reporte de maneira automática á Clínica Pérez Varela de MAEX para que se aseguren de que o tratamento ortodóncico evoluciona de maneira óptima.
Entre as vantaxes que presenta ScanBox Pro para os pacientes atópase a comodidade de realizar un seguimento do tratamento de ortodoncia desde casa (coa supervisión dun doutor as 24 horas), a visibilidade da evolución do tratamento, a complementación das citas presenciais con supervisión virtual e a prevención de posibles incidencias. Este sistema permite optimizar as visitas á clínica e, grazas á posibilidade de realizar un escaneo /revisión tantas veces como se necesite de forma dixital, é posible facer correccións ou intervencións que doutra forma non se diagnosticarían ata a seguinte visita en gabinete. Así mesmo, o sistema ofrece numerosas facilidades aos odontólogos, como anticiparse á cita co paciente ou xestionar de maneira máis eficiente as urxencias, aumentando a proactividade e preditibilidade nos tratamentos.
«Hoxe en día moitos dos nosos pacientes son adultos, e este sistema facilítalles poder someterse a un tratamento ortodóncico para mellorar a estética e a saúde do seu sorriso sen ter que vir tantas veces a revisión de maneira presencial. Este é un gran avance moi en consonancia coas necesidades da vida actual» recoñece o Doutor Pérez Varela.
O piloto do dispositivo que se puxo en marcha na clínica MAEX do Dr. Pérez Varela iniciouse o pasado 1 de febreiro sobre unha mostra de 500 pacientes e estará activo o próximos seis meses. «A implementación da intelixencia artificial a través da adquisición de ScanBox Pro demostra a aposta de MAEX pola calidade, a excelencia e a innovación, e supón unha gran oportunidade para que os nosos pacientes e odontólogos dispoñan de tratamentos punteiros e automatizados», explica a Dra. Esther Charro, directora médica de MAEX.

Vídeo de demostración desta tecnoloxía

PUBLICIDADE