Unha app de AtlantTIC para mellorar a expresión de persoas con autismo, premiada por Indra e Universia

luns, 4 de decembro do 2017 Redacción

As tecnoloxías tamén están para romper barreiras, comunicativas e tamén sociais. Así o entenden os responsábeis do proxecto galego TalkAACtive, impulsado polo Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo (Centro AtlantTIC, Campus de Vigo) e dirixido a fornecer ás persoas autistas dunha aplicación móbil que lles permita, no ámbito laboral, practicar e autoavaliar a súa fala e escritura mediante pictogramas, e todo isto grazas a un sistema de xeración de linguaxe natural. Segundo puidemos saber, a iniciativa foi seleccionada (xunto a outros dos proxectos das universidades de Salamanca e Málaga) na segunda convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesíbeis, lanzada pola empresa Indra e a Fundación Universia.
O Grupo de Tecnoloxías da Información, que grazas á súa inclusión na dita convocatoria recibirá 24.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, está formado por Enrique Costa, Milagros Fernández, Silvia García e Jonathan Juncal e o director do mesmo, Javier González Castaño. Para o impulso da ferramenta móbil, o equipo de AtlantTIC contará coa colaboración das asociacións Teavi e Autismo Ourense, con cuxos usuarias e usuarias probará a aplicación. “Primeiro falaremos coas asociacións para ver a que ámbito laboral orientan ás persoas con autismo e así ver cales son as necesidades de comunicación nese ámbito. Logo, crearíase a aplicación móbil para esas persoas, adaptándoas a ese ámbito e axudándolle a practicar a comunicación, para que cando se incorporen ao traballo saiban as frases usuais”, explican Milagros Fernández e Enrique Costa.
O xurado da II convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de Tecnoloxías Accesíbeis, lanzada por Indra e a Fundación Universia, destacou dos tres proxectos seleccionados “a súa innovación e a excelencia tecnolóxica da solución formulada, así como a viabilidade para converterse nun produto ou servizo real que aínda non existe no mercado”. A súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral, o alcance do seu impacto e a súa gratuidade ou baixo custo para as e os usuarios finais, foron outras cuestións valoradas polos integrantes do xurado, que destacou a elevada calidade dos máis de 70 proxectos que concorreron á convocatoria.
Por certo que a elección de TalkAACtive na dita convocatoria non é o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información no ámbito da comunicación de pictogramas e xeración del linguaxe natural. “Dentro do proxecto Accegal, que eu dirixo, temos publicadas varias aplicacións de comunicacións con pictogramas e unha das liñas de traballo do grupo é a xeración de linguaxe natural. A idea de unir estas dúas liñas foi previa a este certame e de feito o premio da Fundación Vodafone que recibiu Silvia García, cun dos galardóns Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación, seguía esta liña”, lembra Costa.
O proxecto, titulado Librería para a xeración de linguaxe natural en castelán, ten o obxectivo de facilitar a comunicación de persoas con trastornos na fala a través da xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. A proposta que presentou e que conformaba o seu traballo fin de máster é unha adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración automática de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras.

PUBLICIDADE